O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explica que o bono de 120 euros pode descargarse desde a páxina web bonodeporte.gal, que tamén recolle a listaxe das entidades adheridas á campaña
Lugo, 8 de xaneiro de 2024. A Xunta abriu hoxe o prazo para descargar o Bono Deporte de 120 euros dirixido ás familias con nenos e nenas de 6 a 16 anos que teñan licenza federada ou que participen no Programa Xogade. As solicitudes poderán realizarse ata o 29 de febreiro e os bonos poderán empregarse ata o 1 de xullo.
O delegado territorial do Goberno galego, Javier Arias, visitou algúns dos 36 establecementos da cidade de Lugo adheridos para informar da campaña, na que participan case cen tendas e entidades prestadoras de servizos – como ximnasios ou clubs deportivos – de toda a provincia.
Os bonos poden descargarse a través da páxina web bonodeporte.gal, na que tamén se pode consultar a listaxe dos establecementos participantes. Este espazo recolle toda a información sobre o procedemento a seguir para poder realizar a descarga dos bonos. Así, o primeiro paso consiste en darse de alta na web e, unha vez recibido un SMS de validación, xa se poderá activar e descargar o bono en formato dixital a través dun código QR.
Cada beneficiario disporá como máximo dun bono por cada neno ou nena, que se poderá descontar amosando o código QR no momento do pago nos establecementos comerciais e entidades deportivas ou prestadoras de servizos adheridos á iniciativa, que estarán identificados ademais cun distintivo da campaña.
Trátase dun sistema que funciona a través dunha aplicación móbil, de maneira que o importe de 120 euros de cada bono contará cun desconto do 80% en cada compra ou servizo adquirido e irase consumindo en función do valor da compra.
Cómpre lembrar que a cidadanía pode empregar tamén o enderezo electrónico bonodeporte@xunta.gal para trasladar as súas dúbidas e suxestións.