Ribadeo, 16 de xaneiro, 2024. “No BNG temos propostas para facer as cousas doutra maneira. Temos levado a cabo moitas das nosas ideas nos concellos que gobernamos ou cogobernamos, ou mesmo nas deputacións. Temos levado ao Parlamento moitas iniciativas que permitirían mellorar as nosas vidas. Nunca esquecemos a sanidade pública e sempre a apoiamos. Ben deitan algúns de todo o noso traballo feito ao longo de moitos anos que aínda seguen a presumir de cousas que deixamos preparadas. E mentres presumen do que non fan, laretan cheos de ciúmes ante iniciativas intelixentes, que espertan a conciencia ecolóxica e que non caen no sensacionalismo (como fixeron eles atando un saco ao peirao para propagar ocorrencias inxenuas)”.
“A Xunta de Galicia actuou de novo, como cando o Prestige, ocultando información e mentindo abertamente ao pobo. No canto de demandar medios para facermos fronte aos pellets que se van achegando ás nosas costas, miran cara a outro lado e ignoran que houbo un accidente marítimo (perda dun contedor cheo de microplásticos por parte do mercante Toconao) con tal de non estragarlle o titular a Alfonso Rueda, tanto cando convocou as eleccións como cando estaba a presentar a súa candidatura en Madrid”.
“Pero, curiosamente, namentres a Xunta de Galicia negaba que houbese un problema medioambiental ao que facer fronte, desde o concello de Ribadeo presumíase de recoller pellets e tomar a iniciativa antes ca ninguén. Ou sexa que, antes ca ninguén, desde o concello de Ribadeo deixouse en evidencia á Xunta poñendo de manifesto que había pellets cando o goberno galego negaba que houbese boliñas de plástico polas nosas praias. Quen está a mentir? Quen está a falar por falar?”.
“Desbordada polos feitos, e pola nefasta política informativa, a Xunta ten que reaccionar e dar un paso á fronte: despois de que o Principado de Asturias, e mesmo compañeiros de partido (goberno cántabro) declarasen o nivel de alerta 2 e pedisen medios, Alfonso Rueda deu un bandazo e demandou pouco menos que a Armada Invencible. Pero plan de traballo…? Cero! Debe ser que recibiu algunha chamada desde Ribadeo dicíndolle aquilo de “tranquilo, presidente, que xa che recollín eu todo canto residuo hai polas praias ribadenses”. Para pedirlle os 700.000€ para a reforma integral do Hospital Asilo non houbo chamada. Para poñerse medallas, si. E de paso, criticar aos concellos veciños porque preparan plans de actuación e de concienciación sobre como abordar a recollida dos pellets. Debe ser que tanto Alfonso Rueda como o alcalde de Ribadeo, coa inestimábel axuda do conselleiro do mar, agardan solucionar o problema dos microplásticos por vía intestinal”.
“Temos que asistir a un espectáculo lamentábel: ocorrencia tras ocorrencia da vicepresidenta da Xunta e do conselleiro do mar, avalados por Alfonso Rueda, e aclamados desde Ribadeo polo alcalde, o PP de Galicia está a demostrar que non é quen de gobernar este país, que só vive para as súas coitas internas e para pensar na política española no canto de centrar o seu interese en Galiza. E desde o concello de Ribadeo, ben farían en poñer máis atención ás obras do Hospital Asilo, que nada se ve que avancen e mesmo se comeza a insinuar que poderán sufrir demora. Nin tampouco se sabe nada da axuda prometida polo goberno do PP, por moito que diga que a Xunta puxo 700.000€. Onde van os convenios asinados coa Xunta? Tanto ía conseguir este alcalde e xa ven: facendo de novo de hooligan para lograr méritos nas carreiras internas do PP. Iso si: presenza ribadense nas listas do PP: cero!”.