Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Ribadeo denuncia que o goberno local volve aos vellos tempos do “ti vai facendo, que logo xa veremos como o amañamos”

Ribadeo, 31 de xaneiro, 2024. O BNG de Ribadeo fai pública a valoración do pleno de xaneiro. “No pleno deste martes, o alcalde de Ribadeo deu mostras claras dun regreso das prácticas caciquís ao Concello de Ribadeo coa colocación dun armatoste na escalinata do Concello. A preguntas do BNG no pleno da man de Vicente Castro, o rexedor non foi quen de confirmar a existencia do preceptivo informe de Patrimonio para facer unha actuación desa envergadura nun edificio do casco histórico que ten protección integral”.

“Como moito, deixou caer, como quen non quere a cousa, que “houbo algunha chamada” e mesmo se referiu a “un correo electrónico” no que se abordou o tema. Pero informe preceptivo por parte de Patrimonio autorizando esa actuación, non. Velaquí o vello costume urbanístico de ir facendo que logo xa se verá. Velaquí as ansias de Daniel Vega de recuperar os vellos costumes “decimonónicos”. Ribadeo non se merece tal cousa”.

“Tampouco se merece o oportunismo mostrado polo PP de Ribadeo co tema da Sanidade. De xeito claramente electoralista, e sen sequera adaptar a moción ao pleno do Concello de Ribadeo, o PP presentou ás présas unha moción tipo, elaborada no Parlamento galego, na que se pedía ao goberno central crear mil prazas máis de MIR que puidesen ser dedicadas á medicina de familia. Din que coa fin de paliar as carencias no sistema sanitario”.

O BNG de Ribadeo, a través da concelleira Raquel Ferreira, manifestou que “levamos moitos anos defendendo o sistema sanitario público galego nas rúas e nas institucións promovendo actuacións na súa defensa. Non é algo novo. E, por iso, non é de recibo que, sen tempo suficiente para estudar a proposta, se presente de xeito improvisado e ás presas esa moción”.

“Desde logo, o BNG non vai participar da cerimonia da confusión apoiando unha moción oportunista que esquece o sen fin de carencias que temos padecido e padecemos no sistema sanitario público galego, en Ribadeo, na Mariña e en toda Galiza en xeral, da man dos recortes promovidos do PP, cando non directamente polo traspaso á sanidade privada de partidas orzamentarias destinadas á sanidade pública”.

“Ese é o rostro do PP: sempre na defensa da sanidade privada. Sempre recortando na sanidade pública. E agora, con intención electoralista, e para facer fronte á grande mobilización convocada para este domingo 4 de febreiro en Compostela, os populares de Ribadeo súmanse á cerimonia da confusión propoñendo medidas grandilocuentes sen planificar ben a súa viabilidade e aplicación. Fronte a esta improvisación, desde aquí queremos animar a todo o mundo a sumarse á gran mobilización deste domingo 4 de febreiro, en Compostela, na defensa da sanidade pública galega”.

Exit mobile version