Ribadeo, 17 de xaneiro, 2024. En días pasados, un grupo de voluntarios de MODEPEN – Ribadeo estivo a desenvolver unha enquisa entre os usuarios do centro de saúde de Ribadeo.
O cuestionario, que ó final foi contestado por 162 persoas que acudiron ó centro de saúde entre mércores 10 de xaneiro, xoves 11 e venres 12, foi deseñado para recoller datos sobre diversas características dos asistentes. Entre elas figuraban a idade, sexo, departamento sanitario de asistencia, procedencia da vila ou do rural e, sobre todo, medio polo que se achegaban ás instlacións. A recollida de datos fíxose en dous días con asistencia a analíticas, mércores (mercado en Ribadeo, como se sabe, e maior afluencia de xente do rural ó pobo) e venres, e un sen ela, xoves. Nos dous primeiros recolleuse algo menos de un terzo do total cada día, e no último, algo máis. Polo demais, non houbo incidencias particulares, aínda que se recolleu tamén algún detalle extra en enquisas e momentos concretos, para o seu análise particular.
O seu deseño foi realizado para poder contrastar as afirmacións mantidas por cada parte na xuntanza que se tivo o pasado día 21 de decembro entre o alcalde e unha representación de MODEPEN. O que se falou alí estivo relacionado co futuro do emprazamento e condicións do Centro de Saúde, polo que se realizou esta enquisa para o estudo dos desprazamentos da xente que acode á súa atención sanitaria en Ribadeo, e así procurar o apoio da realidade en favor das diversas opcións que aínda son posibles para a renovación das actuais instalacións ou a construción dunhas novas afastadas do centro da vila.
Déixase en baixo un resume dos resultados, entre os que destacan:
– a relación 76 % de xente que acode a pé fronte a só o 24 % de xente que se achega en coche.
– que a relación a anterior coincide abondo ben coa porcentaxe de asistencia de xente que reside na vila e no rural (estea ou non censada no lugar onde reside efectivamente!), porcentaxe que é dun 80 % para residentes na vila fronte a un 20 % de residentes no rural.
Asemade, a conclusión:
A xente que se despraza a pé veríase en xeral negativamente afectada pola localización que se pretende do centro de saúde nas aforas da vila (de feito na parroquia de Ove), dificultando o desprazamento a pé, mentres que á xente do rural seríalle indiferente, se ben en moitos casos a situación do Centro de Saúde nas aforas suporíalle o ter que mover o coche para facer xestións no pobo.
É dicir, nun tema fundamental en relación ó acceso sanitario, non se aprecian para os usuarios avantaxes da construción dun novo centro de saúde fronte á estación de servizo á entrada de Ribadeo, en contraposición a unha ampliación do centro en funcionamento ou o uso dun lugar non moi afastado do actual para a construción dun novo. Todo dito, sen contar con que necesita unha variación do PXOM ou un orzamento adecuado, e sen que á súa vez, ambas cousas interfiran na dotación de persoal do centro, minguada dende hai tempo.
Resume dos resultados, táboa e gráficos, da enquisa sobre o transporte utilizado polos usuarios do Centro de Saúde de Ribadeo