A candidata socialista ao 18-F subliña que o PP deixou a ambulancia medicalizada con base en Foz cun só técnico, o que supón un agravio comparativo e precariza a calidade asistencial
A Mariña, 31 de xaneiro de 2024. A número tres da candidatura socialista pola provincia de Lugo ás eleccións autonómicas, Mayra García Bermúdez, garantiu que José Ramón Gómez Besteiro apostará dende a Presidencia da Xunta por garantir e dotar de máis persoal o servizo de ambulancia medicalizada da Mariña, con base en Foz.
“No ano 2018, a Xunta recortou persoal e deixou este servizo sanitario tan importante para a nosa comarca cun técnico menos, agora só están tres persoas (un técnico, un médico e un enfermeiro). No resto de Galicia, menos en Foz, Salnés e Monforte, a ambulancia medicalizada conta con catro persoas (dous técnicos, un médico e un enfermeiro), o que supón un agravio comparativo e precariza a calidade asistencial dos nosos veciños e veciñas. Non queremos ser cidadáns de segunda”, asegura a socialista.
Mayra García lembra tamén que, “dende que o PP entrou na Xunta, a ambulancia de Soporte Vital Básico de Foz non ten servizo nocturno, cando todas as noites hai urxencias en Foz. Isto o que nos indica é que non estamos cubertos polas noites ante calquera incidencia grave, terían que acudir as outras ambulancias dende bases moi afastadas, cando todos sabemos que cando hai unha urxencia o tempo é fundamental para facer unha boa atención”, asegurou a socialista.
“Estamos ante un gran agravio comparativo co resto de comarcas, que redunda tanto en peores tempos de chegada das ambulancias ante calquera imprevisto ou accidente e tamén nunha peor calidade asistencial”, asegura a candidata. Lembra, así mesmo, que as queixas son continuas, tanto do persoal como das propias persoas usuarias, que ven como o transporte sanitario está precarizado e dando un servizo totalmente insuficiente.
A candidata comprometeuse a que cando Besteiro sexa Presidente da Xunta, “os socialistas recuperaremos o persoal e a atención sanitaria que necesitan e que merecen os nosos veciños e veciñas” . “Activaremos un plan urxente para devolverlle á sanidade pública a calidade que tiña en Galicia, especialmente na atención primaria e na calidade do servizo de ambulancias. E farémolo dotando de máis investimento e máis persoal sanitario, que é o que están pedindo dende hai anos os traballadores e traballadoras e tamén a nosa veciñanza”, asegura.