Burela, 16 de xaneiro, 2024. Joziane de Oliveira, Jozi Oliveira ou simplemente Jozi para todos nós aquí en Burela, nacida en Chapecó (Santa Catarina) en 1982, despídese do equipo laranxa tras 15 anos defendendo os paus do noso pequeno pero enorme equipo.
Falar dos éxitos do Pescados Rubén Burela FS é falar de Jozi Oliveira. Internacional na selección brasileira ata o día de hoxe, sete veces nomeada mellor porteira do mundo (sendo a primeira porteira do mundo nomeada na lista de mellores xogadoras cando aínda non había categoría de porteiras) e procedente do Kindermann, equipo no que xoga durante 6 anos (de 2004 ata finais de 2009), 4 anos a fútbol sala e 2 combinando fútbol campo e fútbol sala, a xogadora brasileira aterra, con 27 anos, en Burela en xaneiro da tempada 2009/2010, tempada en que o conxunto mariñán, recén ascendido e con dous anos de vida, compite por primeira vez en División de Honra. A partir deste intre, o pequeno club de fútbol sala, que xa contaba cun equipo de categoría masculina en Segunda División, comeza a súa evolución de forma progresiva, gañando a Copa Galicia ese mesmo ano e o seguinte, e a súa primeira Liga e Copa de España dous anos despois, na tempada 2012/2013. Desde entón o equipo, xunto á que sempre será a súa eterna porteira, Jozi, non parou de cultivar títulos ata o día de hoxe, chegando a ser “Campioas de todo” (Liga, Supercopa, Copa da Raíña e Copa de Galicia) as tempadas 2019/2020 e a pasada 2022/2023 e acumulando un total de 5 Ligas, 6 Copas da Raíña, 5 Supercopas, 6 Copas de Galicia e 1 Futsal Women’s European Champions, todos eles con ela como porteira titular baixo os paus.
Ademais dos éxitos deportivos, Jozi foi unha veciña máis de Burela durante 15 anos, unha persoa moi querida no pobo e no club, sempre moi comprometida tanto cos e as burelenses, como coa nosa base, especialmente a categoría feminina, onde formou e animou a moitas nenas e nenos, para elas e eles un referente, véndoos medrar e contribuíndo de forma moi notable á súa educación deportiva e psicolóxico-deportiva. Porque Jozi non só é porteira, tamén é psicóloga. Graduada en psicoloxía pola USC (na que estuda o último curso), conta cun Master en Psicoloxía e Coaching Deportivo, que estudou en a Florida Universitaria de Valencia á vez que defendía a nosa portería.
“Con gran pesar, despedímonos da nosa porteira, a porteira que sempre será unha lenda en Burela e que sempre será unha máis da nosa Familia Laranxa”.
“Un abrazo e moita sorte, Jozi”.