O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a modificación da relación de postos de traballo (RPT) da Consellería de Política Social e Xuventude, que recolle esta ampliación do cadro de persoal.
Arias estivo en Burela para reunirse coa nova directora que acaba de poñerse á fronte da residencia de maiores da Xunta nesta localidade, Felicita Marlene García Eijo. Segundo informou, a este centro incorpórase unha praza de enfermeiro, unha de camareiro/limpador e outra de persoal subalterno.
No conxunto da provincia, créanse dous postos de persoal enfermeiro, 14 de auxiliares de clínica, tres de camareiro/limpador, catro de subalternos e un de axudante de cociña. Distribúense entre as residencias de maiores de Burela, Monforte de Lemos, As Gándaras e A Milagrosa (Lugo) e o CAPD de Sarria.
Segundo recolle o DOG, a modificación da relación de postos da Consellería foi aprobada pola Xunta unha vez consultadas as organizacións sindicais presentes na Mesa de Negociación e na Comisión de Persoal, e entra en vigor xa ao inicio deste ano.