Site icon Crónica3.com A Mariña

“Falta xente para traballar”, por Emilio González Legaspi

Xa levamos varios anos queixándonos de que non hai persoal para cubrir postos de traballo en todo tipo de profesións. Uns quéixanse máis que outros, sobre todo se son traballos de tipo estacional, pero hai problemas para atopar persoal formado en diversos eidos do mundo laboral. Faltan médicos/as, enfermeiros/as, mestres/as, mecánicos/as, albaneis, canteiros/as, fontaneiros/as, coidadores/as, condutores/as, mariñeiros/as, camareiros/as, e así poderíamos seguir en practicamente todos os oficios, sobre todo naqueles que son imprescindibles para o bo funcionamento da sociedade, como son os coidados, a saúde, a educación, a alimentación e os servizos en xeral.

Diante esta situación, moita xente, no canto de buscar as causas ou propoñer solucións, tira polo camiño fácil de demagoxia e sentencian: “A xente non quere traballar”. Pero eu pregunto, hai xente suficiente e formada para traballar?. Penso que máis que unha situación de actitude ou de ideoloxía é unha cuestión matemática.

Si, matemática, de números, de que non hai relevo xeracional. Levamos moitos anos vendo como cada vez hai menos nacementos e máis defuncións, vendo como o saldo vexetativo é negativo en todo o estado, pero moi especialmente en zonas como Galiza, Asturias, Castela, etc. Os que nos dedicamos ao ensino, levamos comprobando este situación ano a ano, vendo como cada curso que pasaba a matrícula de alumnado descendía. Ano a ano o número de alumnado que chegaba á universidade era menor, o mesmo que o que facía formación profesional ou abandonaba os estudos, tanto ten, o caso que cada vez hai menos persoas que se incorporan ao mercado laboral.

Cando a poboación empezou a decrecer, moitos científicos e estudosos da demografía advertiron das consecuencias futuras para as sociedades, que serían mais envellecidas, necesitarían máis coidados e habería dificultades para cubrir os postos de traballo que fosen xurdindo. Pero, como facemos os humanos case sempre, nen sequera se fixo unha análise da situación e agardamos. Cando pase, xa miraremos como se soluciona. E aquí estamos.

Solucionar o problema ao noso gusto non será fácil. Poderíamos optar por promover os nacementos, pero para iso habería que facer moitos cambios económicos, de consumo, sociais e ideolóxicos, que no caso de funcionaren, teriamos que agardar entre dezaoito e vinte anos para que os nacidos agora estiveran en idade de entrar no mundo laboral. Poderiamos optar por traer xente de outros países, que hai a esgalla, pero iso trae consigo problemas de aceptación, culturais, de convivencia, económicos e tamén ideolóxicos, que non todos están dispostos a asumir.

Así que ao final seguiremos queixándonos cada quen da súa situación e buscando lamber a ferida como se poida.

Exit mobile version