Site icon Crónica3.com A Mariña

“Expectativas da campaña electoral galega”, por Farruco Graña

Mergullados xa en plena campaña electoral (eufemismo pre…, fóra!) ben podemos ver por onde se vai desenvolver a dinámica das distintas opcións políticas para facérense un oco na mesma e lograren marcar discurso. Fálase de moitas opcións; dunhas, abertamente; doutra, coma quen non quere a cousa. Deixa moito que desexar a actitude dalgún medio ocultando abertamente, ou disimulando descarnadamente, a campaña do BNG e da súa candidata Ana Pontón. O ridículo que por momentos fai o PP co seu enésimo relanzamento do seu candidato, mesmo baldeando ex proceso a beirarrúa do tramo onde se atopa a súa sede local coincidindo coa visita do seu líder, resulta tan chocalleira coma un traxe de entroido de todo a cen. A quen se lle ocorre convocar en plena festa do entroido!

Pois ocorréuselle a eles por mor da súa perentoria necesidade de “madrileñizar” a campaña: “Me gusta la fruta”. Xusto en pleno debate sobre a lei de amnistía, aí quere ver o PP de Feijóo, e por extensión servil, o PP (cada vez menos) deG. Había que tensar ao máximo a campaña e intentar poñer a proba a paciencia do votante socialista menos proclive ao sanchismo actual do PSOE. Había que arrimarse á estela do Feijóo dos resultados nas xerais en Galiza para compensar a mediocre pose moteira de Alfredo Rueda, tan árida coma o coiro das chupas Harley Davison. Ademais, se temos aos máis festeiros entretidos coas comparsas, nomeadamente en Ourense, mellor que mellor. Decisión tomada. O domingo de piñata, a votar. Anda que non vai dar para situacións anecdóticas!

Como marxinal agardaban o impacto dos microplásticos. Pero o mar é o que ten. Que o mesmo traga todo para sempre, que cho cuspe todo pouco a pouco. Sabían que ocorrera e aínda así convocaron. O que estraña é o mal que calibraron a resposta. Un non sabe se pensar que andan moi sobrados, ou se confirma que o PP apostou todo o seu capital á baza Feijóo en Madrid (para gobernar) levando con el o mellorciño que tiña en Galiza, e agora andan ás berzas os que aquí quedaron. Creo máis ben o segundo, como algo específico deste momento, dando por suposta a primeira hipótese como algo de seu do PPdeG. Como colofón a tanta estulticia, o ben famoso comentario “do que comas has cagar” (permítanme a versión libre) do conselleiro do mar, ilustre autoridade no mundo da escatoloxía. Despois de todos os erros só quedou o clásico “criticando o goberno, atacan Galicia”. Quedou ben claro: non fixeron unha a dereitas!

E velaquí estamos: xa en pleno proceso de publicitación das distintas ofertas, e a pouco máis de quince días de comezar, formalmente, a campaña. A principal diferencia, xa evidenciada nos parágrafos anteriores, é o cambio do PPdeG: do Galicia-Galicia-Galicia, ao “Me gusta la fruta”. Ayuso en carne viva. Ogallá ese votante socialista abstencionista nas autonómicas vexa nisto un incentivo para acudir a votar. Por outra banda, o PSOE leva tempo dando indicios de querer apostar por estas eleccións (ben sexa por sacar a lectura en chave estatal, ben sexa por evitar que se afunda aínda máis o PSdeG). Benvido sexa calquera esforzo na dirección correcta de cara á configuración dunha alternativa.

Polo que atinxe a Sumar Galicia, non lle veu moi ben ter que facer fronte á ruptura de Podemos sen tempo de asimilar dita crise. As súas opcións semellan reducirse ao eixo atlántico, de xeito ben axustado, e coa sensación da espada de Damocles do 5% pendendo dun fío. Moito esforzo vai ter que facer Marta Lois para lograr centrar a campaña en Galiza. Mesmo a presenza de Yolanda Díaz non lle vai ser moi útil para centrar as mensaxes en chave galega. Pouco resta que dicir de Podemos. Lonxe queda aquel twit coas caravelas coas velas de cor morada navegando cara ás augas da política galega.
Tamén o ten difícil VOX. Calquera votante de dereitas no estado español tivo ocasión de lle dar unha boa couce ao PP estando convencidos de que ía perder. Pero en Galiza é distinto. E con todo, hai votantes de VOX que se van deixar levar pola posibilidade feita ilusión de ser quen de dobregar ao PP tamén en Galiza. Mais a torpeza de varios dos seus dirixentes cada vez que veñen por aquí, pónllelo ben difícil. Outro galo canta con Democracia Ourensana. Aí si que lles vai proer!

Quen pode aproveitar ben esta conxuntura é Ana Pontón e o BNG. Se son quen de centrar a campaña en chave galega, xerando ilusión e propoñendo unha alternativa clara de goberno que permita satisfacer a ansia de cambio que mostran as enquisas; se son quen de evitar polémicas con aliados potenciais, teñen moito que gañar. E moito debe estar acertando vendo o silenciamento cada vez maior desta opción. A segunda forza política do país relegada nos espazos dedicados á información electoral á quinta ou sexta posición (por non falarmos dos tempos). Mesmo chegamos a ver enquisas nas que se presentan PP, PSOE, VOX, Sumar Galicia, Podemos… e “outros”. O ambiente lembra, cada vez máis, no que a fin de ciclo e ansias de cambio se refire, ao ano 2005, cando Fraga perdeu a maioría absoluta. Os síntomas que dan o PP e determinados medios, son semellantes. Por sorte, agora estamos nunha situación de maior madurez política: a experiencia vivida ao longo destes anos, tanto na oposición como desenvolvendo responsabilidades de goberno, ha ser moi útil.

Exit mobile version