DÍA MUNDIAL CONTRA O CANCRO
Como é sabido, o vindeiro 4 de febreiro é o Día Muncial contra o Cancro. Para sensibilizar á veciñanza, Esperanza montará mesas informativas, no Hospital e Centro de Saúde, nos lugares de costume para que todas aquelas persoas que queiran facer aportacións económicas para conquerir o obxectivo final da asociación poderán facelo.
Enmarcada nos actos do Día Mundial contra o Cancro está a gala solidaria que se celebrará o vindeiro sábado, día 27, ás sete da tarde, na Casa da Cultura de Burela. A asociación invita a toda a cidadanía a asistir a este evento, no que participarán Acordeonistas da Mariña, Acordeóns Terras do Miño, Begoña López, Diavolinos e Lino Rico. Sortearase unha cesta de peixe donada por ABSA e valorada en 250,00 euros. A entrada tén un custo de cinco euros e poderase mercar o mesmo día na taquilla. Evidentemente, a recadación será donada a entidades que traballan na investigación e loita contra a enfermidade.
Esperanza quere amosar o seu profundo agradecemento a todos e cada un dos colaboradores que fan que esta gala poida celebrarse. Sen o seu apoio e aportación sería imposible facela realidade.
BALANCE DO ANO 2023
Esperanza organizou na primavera pasada cursos de costura, pilates e pintura para asociados e público en xeral, con abondosa participación. Ao longo do ano, participou en todos os rastriños que se celebraron en Burela poñendo á venda diverso material donado por particulares amáis de pulseiras e chaveiros solidarios feitos á man. O colectivo tamén organizou un xantar de confraternidade para asociados e unha viaxe a Covadonga.
A asociación considera importante a colaboración feita para a confección da alfombra floral das Festas Patronais do ano pasado, pero sobre de todo as actividades centradas na loita contra o cancro, como a organización de actividades por mor do Día contra o cancro e do Día contra o cancro de mama, a participación na carreira solidaria contra o cancro, ou a II Xornada Escolar de sensibilización e prevención do cancro, feita en colaboración coa Fundación Alcoa.
Esperanza quere agradecer unha e mil veces a colaboración de tantas e tantas persoas, asociadas e non asociadas, e tamén entidades, que dun ou doutro xeito apoian o traballo do colectivo, un traballo que tén como obxectivo facer aportacións económicas a entidades que traballan na investigación sobre as causas da enfermidade así como na prevención, mellora da diagnose e tratamento da mesma e apoio ás persoas enfermas e ás súas familias. De feito, durante 2023 aportáronse un total de 7.500,00 euros a tres entidades vencelladas co indicado.