Un famento Pescados Rubén Burela FS lévase o derbi máis competido da Primeira División Iberdrola, en territorio hostil, cun 1-5
Na primeira parte abre o marcador Laura Uña a 15 segundos do inicio do partido, picando o balón por riba de Jozi dende a lateral da área. Pero xa no minuto 5 Irene Samper enchufaa tras un pase de Cami que entretén á porteira, conseguindo o empate e parcheando o atropelado inicio. Dous minutos despois Dany consegue o 1-2 nunha contra e boa combinación entre Noelia Montoro e Rafinha, que lla deixa á capitá para adiantar o marcador coa eficiencia dun conxunto líder na clasificación. No minuto 10 chega o 1-3 cun gol de Emilly, que vence a Elena tras un pase de Cami. Unha Elena que destacou notablemente neste encontro, sen ir mais lonxe cun paradón no minuto 9 tras un tiro de Dany dende dentro da área nunha recuperación e sacándoa de novo segundos despois coas mans a un disparo potentísimo de Emilly. Grandísima actuación tamén da nosa porteira Jozi Oliveira, entre outras nos minutos 14 e 17 a dous mísiles de Ale de Paz. Xusto antes do descanso Dany busca sen éxito o cuarto gol; soa ante Elena picaa por riba dela pero o balón vaise por encima do traveseiro.
Nunha segunda parte cunha metade pausada e con poucas situacións de perigo por parte dos dous equipos, comeza a aumentar un pouco a intensidade no minuto 26 cun disparo directo de Laura Uña nunha falta que detén Jozi Oliveira e un minuto despois outra de Saki que non logra finalizar con acerto. No minuto 29, tras unha contra e pase de Cami, Rafinha dispara de forma moi certeira atopándose de novo con Elena que a saca a córner e no minuto 31 Emilly volve atoparse coa porteira nun disparo afastado pero moi preciso que saca de novo a meta coas mans. Comeza a presión do Poio con xogo de 5 no minuto 32, con Saki de porteira-xogadora non conseguindo finalizar con éxito ningunha xogada e aguantando o dominio do Burela que se mantén con longas posesións de balón tentando conservar o resultado afrontando o mínimo perigo. No minuto 35 chega o gol de Jozi a portería baleira en plena presión do conxunto de López-Tulla e no 37 o segundo golazo de Irene Samper tras unha contra e pase de Dany, que pon punto e final ao partido cun resultado 1-5.
Moi bo comezo da segunda volta para nosas Guerreiras, que continúan mantendo o seu impresionante refacho de resultados e que espera seguir acumulando vitorias a próxima fin de semana noutro importante derbi na casa ante o Ourense Ontime.
Ficha Técnica Poio Pescamar FS – Pescados Rubén Burela FS
Poio Pescamar FS (1): Elena; Laura Uña, Ale de Paz, Martita, Rocío Gómez -cinco inicial-, Elena Aragón, Carla Ayens, Irene (C), Saki, Lara Balseiro, Sandra Buzón.
Pescados Rubén Burela FS (5): Jozi Oliveira; Cilene, Cami, Irene Samper, Emilly – cinco inicial-, Dany (C), Aroa, Rafinha, Noelia Montoro, Caridaid.
Goles: 1-0, min.1: Laura Uña. 1-1, min.5: Irene Samper. 1-2, min.7: Dany. 1-3, min.10: Emilly. 1-4, min.35: Jozi Oliveira. 1-5, min.37: Irene Samper.
Árbitros: Lidia Crespo Pardo, Héctor Vilas López, Pablo Enrique Guntín Garrido, Irene Núñez Mariño.
TA: Laura Uña, Martita, Julio Delgado.