O número 2 da candidatura participou nun encontro en Viveiro con colectivos sociais vencellados á defensa sanidade pública
Lugo, 29 de xaneiro 2024. O número 2 da candidatura do BNG ao Parlamento de Galiza por Lugo, Daniel Castro, participou nun encontro cunha serie de colectivos sociais vencellados á defensa da sanidade pública da comarca da Mariña. Castro, que estivo acompañado por Iria Cotelo, traballadora do sector sanitario e número 5 da candidatura, defendeu que “a partir do 18 de febreiro é preciso darlle a volta aos 15 anos de recortes que o PP aplicou á sanidade pública”, e anunciou un investimento de 200 millóns de euros para “reforzar a atención primaria, a porta de entrada ao sistema sanitario, e un dos servizos que nos últimos anos sufriu máis recortes por parte do PP”.
Desde 2009, Galiza acumula un recorte orzamentario de 2.193 millóns de euros en Atención Primaria e 375.000 persoas están actualmente esperando por unha operación, por unha proba diagnóstica ou por unha consulta cun especialista. Daniel Castro afirmou que o PP na Xunta de Galiza “adicouse ao desmantelamento e a descapitalización constante da sanidade pública galega entregándolla a multinacionais e fondos de investimento”.
No encontro, no que participaron representantes da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, da Asociación de Veciños de San Román e da Asociación de Veciños de Cabanas, ambas do concello do Vicedo, Castro anunciou que o BNG poñerá en marcha un plan de Mellora da Atención Primaria, incrementando o orzamento adicado á sanidade pública ata chegar ao 25% do destinado a sanidade ao final da lexislatura, ademais de reformar o sistema de áreas sanitarias, recuperando a área sanitaria da Mariña.
Castro anunciou tamén que o BNG incrementará o número de profesionais en todas as categorías tanto nos centros de saúde como nos PACs, para que permita aumentar o tempo da atención e a calidade asistencial, e mellorará os equipamentos de centros de saúde e PACs garantindo equipas completas en todos eles.
O número 2 da candidatura do BNG afirmou que o obxectivo do BNG é “reforzar o Servizo Galego de Saúde e convertelo nun instrumento de superación de desigualdade e nun motor da economía galega, ligándoo ao coñecemento e á tecnoloxía e creando emprego de calidade”.
Daniel Castro animou a participar na mobilización convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública o vindeiro domingo 4 de febreiro, a partir das 12:00 na Alameda de Compostela.