O número 2 da candidatura presentou as propostas do BNG para as e os creadores galegos
Lugo, 30 de xaneiro de 2024. O número 2 da candidatura do BNG por Lugo, acompañado por Montse Valcárcel, e máis integrantes da candidatura do BNG por Lugo, mantiveron un encontro con representantes dos distintos colectivos culturais da cidade de Lugo para presentar as propostas para o sector cultural coas que o BNG se presenta ás eleccións do 18 de febreiro. No acto estiveron presentes tamén o portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo e a concelleira responsábel da área de Cultura, Maite Ferreiro. Daniel Castro destacou “a variedade e calidade das e dos creadores de contidos culturais en Lugo e en Galiza”, e afirmou que “somos unha potencia no sector cultural e a Xunta de Galiza ten a obriga de axudar a manter a actividade das e dos distintos profesionais da cultura”.
“A cultura é un dereito que, ademais, xera riqueza, trátase da expresión máis visíbel do que somos e de como entendemos o mundo”, declarou Daniel Castro, que engadiu “é unha ferramenta esencial para a cohesión, a transformación social e o fortalecemento da identidade galega”. O candidato do BNG defende que a Xunta de Galiza “ten a obriga de atender con políticas específicas o desenvolvemento de cada unha das formas de expresión nas que se manifesta a cultura”.
O BNG acredita nunha cultura galega viva, con intención formadora no persoal e transformadora no social, que estimule a participación cidadá, apoie a creación artística, faga aínda máis visíbel a nosa produción cultural e actúe como elemento de dinamización, desenvolvemento e vertebración territorial, social e económica do noso país. “Entendemos a cultura galega como unha cultura dinámica e aberta, que dialoga en igualdade co resto de culturas do planeta, que quere seguir achegando a súa identidade e creatividade ás demais e que ten, para iso, que participar plenamente das redes e dos circuítos culturais internacionais”, afirmou Daniel Castro.
Con este obxectivo, o BNG promoverá a partir do 18 de febreiro unha nova Lei Galega de Dereitos Culturais que actualice o sistema institucional da cultura logo de 40 anos de continuismo, adaptándoo aos grandes retos e oportunidades que abre o momento actual, nomeadamente no marco da dixitalización e a tecnoloxía ao que a cultura feita en galego non pode permanecer allea.
O BNG márcase como obxectivo mellorar o apoio ao sector cultural galego, camiñando cara a que este sector represente o 2% do orzamento da Xunta de Galiza, e apoiando a creación a través da mellora da calidade da formación artística, a innovación nos procesos de traballo e a visibilidade social das creacións.
“Acreditamos nunha cultura galega viva, con intención formadora no persoal e transformadora no social, que estimule a participación cidadá, apoie a creación artística, faga aínda máis visíbel a nosa produción cultural e actúe como elemento de dinamización, desenvolvemento e vertebración territorial, social e económica do noso país”, explicou Daniel Castro.