Un partido ante un dos rivais máis fortes da categoría que as de Julio Delgado solventaron con dous goles en cada parte
Burela, 27 de xaneiro, 2024. Esta tarde ás 18.00h no pavillón municipal Gabriel Pérez, en Murcia, xogábase a 18ª xornada de Primeira División Iberdrola, STV Roldán FSF – Pescados Rubén Burela FS, cun resultado final 1-4. Tras unha longa viaxe, o conxunto mariñán resolve con solvencia o encontro ante un Roldán que non logrou dobregar ás nosas Guerreiras Laranxas encaixando 4 goles e logrando un tanto no último minuto, presionando de 5.
Comeza o encontro presionando o STV Roldán cun primeiro lanzamento a portería no minuto 2 que sae fóra por encima do traveseiro. Na consecuente contra primeiro tiro a porta do Pescados Rubén Burela FS cun disparo de Cilene que sae fóra. No minuto 4 chega o 0-1 cun gol de Antía Pérez nun rexeite tras un pau ao traveseiro de Patricia e un minuto despois Emilly marca o 0-2 cun disparo dende fóra da área. No minuto 9 dobre oportunidade de Rafinha que desvía a porteira do conxunto murciano e no 14 outra clara de Patricia que non consegue puntuar. Chega o descanso 0-2 no marcador.
Na segunda parte continúan as burelenses co dominio tanto do ritmo de xogo coma do balón, conseguindo o primeiro gol da segunda parte, 0-3, xa no primeiro minuto cun lanzamento directo de falta e segundo golazo de Emilly que a mete por toda a escuadra. No minuto 31, de novo Antía Pérez métea entre os paus tras un elegante recorte e disparo ao bordo da área. Non é ata o minuto 38 no que o conxunto de Kilian Belmonte recorre á porteira-xogadora, conseguindo un gol no último minuto cun disparo de Toñi desde a liña da área. Remata o encontro 1-4 no marcador e o Pescados Rubén Burela FS, a pesar das importantes baixas sufridas esta fin de semana con Irene Samper e Noelia Montoro recuperándose dos contratempos sufridos na recente convocatoria coa Selección Española, o equipo continúa invicto durante esta tempada, puntuando e marcando o seu territorio nese primeiro posto da táboa clasificatoria no que esta xornada gañou vantaxe ante o segundo e terceiro clasificados que se enfrontaron entre eles ás 18.30h desta mesma tarde, Torreblanca Melilla e AD Alcorcón, cun Melilla que consegue o segundo posto a 10 puntos das nosas Guerreiras.
A semana que vén viaxamos a Torremolinos a disputar a Supercopa, que se xogará durante sábado e domingo e na que o Pescados Rubén Burela FS se enfrontará o sábado en semifinais ante o seu eterno rival, o Futsi Atlético Navalcarnero, ás 21.00h e que se poderá seguir a través de Teledeporte. Ás 18.30 do mesmo día dispútase o outro encontro da semifinal, STV Roldán – Poio Pescamar FS. Esperamos poder enfrontarnos a un destes dous equipos o domingo ás 21.00h na final do campionato, que igualmente se emitirá por TDP.
Ficha Técnica STV Roldán FSF – Pescados Rubén Burela FS
STV Roldán FSF (1): Silvia; Laura, Mayte Mateo, Alba Gandía, Consuelo -cinco inicial-, Mª Ángeles V., Toñi, Andrea, María V., Marian, Ángela Górriz, Carmen, Silvia.
Pescados Rubén Burela FS (4): Caridad; Cilene, Antía Pérez, Patricia, Emilly – cinco inicial-, Dany (C), Cami, Cris Blanco, Rafinha, Ana Eliza (P).
Goles: 0-1, min.4: Antía Pérez. 0-2, min.5: Emilly. 0-3, min.21: Emilly. 0-4, min.31: Antía Pérez. 1-4, min.39: Toñi.
Árbitros: Andrés Botella López, Francisco José Castillo López, Adrián Cárceles Roca, Julia Angels García Olivares.
TA: Patricia.