A rexedora, Dolores García Caramés, o o presidente desta entidade deportiva, Manuel Blanco, asinaron un documento que compromete a visita de profesionais da elite deste deporte aos centros escolares do municipio para fomentar hábitos de vida saudable, nunha contorna de igualdade; entre outras iniciativas
Cervo, 24 de xaneiro de 2024. O Concello de Cervo vén de subscribir un convenio de colaboración co Burela Fútbol Sala co obxectivo de promocionar as instalacións municipais e de fomentar a práctica deste deporte e os hábitos de vida saudables entre a mocidade do municipio.
No sinatura participaron a rexedora, Dolores García Caramés, acompañada polos concelleiros Adrián Arias e Alfredo Fernández, e o presidente do Burela FS, Manuel Blanco.
O documento contempla a visita dos membros do primeiro equipo do Burela FS masculino e feminino aos centros escolares do municipio, que participarán ao longo do curso, e sempre que os seus compromisos de competición llo permitan, en diferentes charlas e seminarios co fin de compartir cos nenos e nenas as súas experiencias como profesionais da elite neste deporte, e súa realidade diaria, fomentando tamén unha contorna de igualdade.
Ademais, o convenio permitirá ás crianzas das Escolas Deportivas Municipais participar nos diferentes eventos organizados polo Club, cun trato preferente e/ou con descontos especiais se tivesen custo, entre outras vantaxes.
Pola súa banda, o Concello de Cervo, tal e como explicou a alcaldesa, “comprométese a ceder ao Burela FS o uso das instalacións deportivas municipais, sempre, iso si, que sexa compatible coa actividade habitual que hai nas mesmas”, organizando a súa cesión en función da dispoñibilidade.
A rexedora puxo en valor este convenio “moi positivo para o noso Concello” e destacou a importancia da “colaboración institucional”, que neste caso vai permitir á nosa comunidade educativa poder compartir intres moi proveitosos e interesantes con profesionais do Fútbol Sala de elite.
Caramés trasladoulle tamén ao presidente os parabéns “polo traballo impecable que están a facer coas dúas sección do Club”. No caso da feminina, cun palmarés de vertixe, xa que se fixeron cos catro títulos nacionais e autonómicos que se puxeron en xogo a pasada tempada. Na que o equipo masculino tamén tivo un papel moi destacado disputando o play off de ascenso á Primeira División.
Quixo así mesmo, desexarlles sorte neste curso, cun título xa en xogo para o cadro feminino o próximo mes, coa Supercopa.