Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Eleccións galegas: moito partido por diante”, por Xoán Antón Pérez Lema

Certo é que a única enquisa válida é a do día das eleccións. Tamén é certo que, ás portas das eleccións nacionais galegas deste 2024, os inquéritos todos coinciden nunha leve ou moderada baixa do PP, a tendencia á alza (quer máis forte na maioría, quer máis morna noutras) do BNG, e a estabilidade relativa do PSdeG. Mais a enquisa do CIS, que desenvolveu máis medios e máis inquéritos (11.011) proxecta uns resultados só un chisco diferentes, porque en realidade as súas conclusións son ben compatíbeis cos de calquera outra enquisa na que ao BNG, ao PSdeG e máis ao PP lles movamos de menos ou máis 2,5 pontos porcentuais, porcentaxe ben máis baixa ca todas e cada unha das marxes de erro reflectidas para cada opción electoral en todas e cada unha das enquisas coñecidas desque Rueda convocou.

O CIS prognostica a probabilidade real de que o PP non acade a maioría absoluta (43,2% de votos con 37 sobre 75 escanos) e de que Ana Pontón (29,3% e 22/75 escanos) sexa Presidente da Xunta canda o PSdeG (20, 4% e 16/75 escanos). Mais non deixa de ser unha fotografía estática dun proceso continuo. E non deixa ter un certo nesgo, como todas. Xa que logo cómpre analisala, como a todas, con certo distanciamento. Non esquezamos a elevada cantidade de persoas votantes indecisas-( entre un 30 % e un terzo segundo as diversas enquisas) .

Mais o inquérito da axencia estatal de pescudas sociolóxicas reflicte outros dados de moito interese que poden orientar por onde pode ir o proceso de decisión electoral da ampla marxe de persoas indecisas. Velaí a altísima valoración e coñecemento de Pontón (5,77), compatíbel cun moito menor grao de coñecemento de Besteiro, que tamén tende claramente ao aprobado. E tamén a nidia hexemonía do BNG no electorado menor de 45 anos, a súa altísima competitividade no electorado entre 45 e 64 anos e a súa digna representación na marxe entre 65 e 74 anos. Tamén a súa vantaxe nos segmentos con estudos universitarios e secundarios rematados.

O BNG semella ser transversal en grande parte do eixo esquerdas-dereitas, superando ao PSdeG na escolla dos electores en case todo ese eixo e a todos os partidos dende o centro-esquerda á extrema esquerda, nun corpo electoral que ten a súa media aritmética entre o centro-centro e o centro-esquerda máis moderado. Polo BNG votarían o 23% dos votantes do PSdeG e o 50% de Galicia en Común de 2020 e mesmo máis do 5% dos que votaron polo PP daquela, é dicir máis de 30.000 persoas.

Velaí, pois, un escenario onde lles hai e lles haberá moito partido. Un escenario aberto no que a probabilidade dunha substancial remuda na Xunta semella ser cada vez máis real. Todo dependerá, en último de contas da capacidade de mobilización e concentración do voto do BNG e do PSdeG.

Exit mobile version