O candidato á Presidencia da Xunta empraza aos galegos e galegas a “espertar” e apoiar o cambio no goberno fronte a un Rueda que “pasou do nerviosismo ao medo” e por iso “elude os debates” electorais
A Coruña/Santiago, 21 de xaneiro de 2024. O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou hoxe unha Galicia “viva e verde” e cun “mar azul cheo de vida”, que estea libre do “gris de Rueda” e as súas mentira, que demostrou coa xestión da crise dos pélets. Besteiro interveu con Pedro Sánchez na clausura da Convención Política que celebrou o PSOE esta fin de semana na Coruña e antes de saír a participar na manifestación contra a xestión do goberno galego que se celebrou en Santiago.
O candidato socialista explicou a súa saída acelerada do encontro da Coruña para estar a tempo “coa xente do mar que nos pediu que os apoiemos” na concentración de hoxe. Amosou que “para min Galicia é o primeiro”, e lembrou que “renunciei a todo por Galicia e hoxe teño e quero estar coas persoas que o están a pasar mal no meu país”, aludindo á renuncia a formar parte do goberno para presentarse como candidato á Xunta.
Gómez Besteiro quixo amosar o seu apoio aos pescadores, mariscadoras, ecoloxistas e biólogas que convocan a manifestación logo dun ano “especialmente difícil” para o sector, e apoiar tamén aos concellos “abandonados á súa sorte” nesta crise polo goberno galego. Afeoulle a Rueda que tardara “un mes” en baixar á praia, e lembrou que na anterior crise do Prestige “botáramos as mans á cabeza” cando Fraga se agochara “8 días”.
Reivindicou dende A Coruña primeiro e despois dende Santiago “unha Galicia libre de mentiras” da xestión do PP que amosou a crise dos pélets, e que representa o “problema sistémico” dun goberno no que “non hai xestión, non hai proxecto, non hai futuro, pero hai mentiras”. Chamou a “limpar” Galicia “da inacción, a soberbia e a mentira” do PP nas propias eleccións autonómicas.
Nocturnidade e alevosía
Unhas eleccións, dixo, que foron convocadas “con nocturnidade e alevosía” por Rueda coincidindo deliberadamente co Nadal e cos Carnavais para coller a Galicia “durmida” que garantir a súa continuidade. Emprazou aos galegos e galegas que apoiaron aos socialistas nas pasadas eleccións municipais e xerais a “espertar” e apoiar ao proxecto socialista para que “Galicia gañe e o PP perda” porque, dixo, “se ti entras a votar, eles saen”.
Advertiu que o PP “pasou do nerviosismo ao medo”, xa que logo de adiantar os comicios “estáselle a poñer cara de Feijóo” nas pasadas eleccións, nas que se presentou repartino ministerios e agora está na oposición. Por iso, dixo, leva 30 días evitando os debates e comparar modelos de país, xa que é presidente “como podería ser calquera outro suplente, sen máis ambición que quedar como herdeiro”.
Un suplente, dixo, que segue o mesmo camiño de Feijóo, que “á primeira de cambio foi capaz de traizoar á súa patria e votar en contra do seu propio idioma” negándose a que fora utilizado no Congreso. Advertiu que “Galicia non pode ter un Presidente nin un ex presidente que non a defendan e que reneguen da súa lingua”.
Pedro Sánchez “da casa”
Gómez Besteiro contrastou a actitude dos responsables do PP co compromiso do presidente do goberno, un Pedro Sánchez que “non nos vai fallar aos galegos e ás galegas” logo das eleccións autonómicas cando haxa gobernos socialistas no Estado, nos concellos e no goberno autonómico. Sinalou que Sánchez “nunca nos fallou” e por iso “para os galegos e as galegas es da casa, estás na túa casa, es un dos nosos e nos apoias incondicionalmente”.
A xestión do presidente do goberno e a celebración da Convención na Coruña representa, dixo, “a mostra palpable e a imaxe inequívoca de que Galicia impórtalle, e moito, ao PSOE”, que “volve ser referente para Europa dunha axenda progresista capaz de transformar as nosas sociedades”. Un partido que “representa o galeguismo útil, que soluciona os problemas dos galegos e das galegas sen necesidade de confrontar”.
O presidente do goberno, Pedro Sánchez, pechou a Convención chamando á participación masiva da cidadanía progresista nas eleccións do 18F apostando por Besteiro porque “a urnas cheas, cambio seguro” en Galicia. Dixo que o PP tenlle “medo” á participación electoral nunhas eleccións nas que asegurou ter “boas vibracións”, e ironizou rimando que “Sanchismo é que Feijóo e Abascal non gobernen, e a Rueda vaille pasar ‘lo mismo’”.
Sánchez, que deu paso a unha conexión en video da manifestación de Santiago, sinalou que a xestión dos pélets foi o síntoma do “esgotamento” dun PP que se veu “superado” respondeu con “mala xestión, soberbia e mentira”. O presidente do goberno amosouse moi crítico coa xestión do goberno galego, que desprazou a responsabilidade de limpar as praias nos concellos e o mar no goberno central, e preguntou “entón para que serve a Xunta co PP”.
O presidente do goberno e secretario xeral do PSOE pechou a Convención Política que o PSOE celebrou na Coruña, na que lle concederon á alcaldesa da cidade, Inés Rey, un dos premios “Manuel Marín” do partido, que ela dedicou “ás miñas compañeiras, ás mulleres”. Rey lembrouse da xeración da súa nai, que “pelexaron e puxeron as bases” para que ela mesma puidera ser a primeira alcaldesa muller da cidade da democracia.