Site icon Crónica3.com A Mariña

Besteiro fomentará o consumo de peixe da frota de cerco nos comedores escolares como hábito saúdable e en apoio ao sector

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reuniuse hoxe cos representantes da frota do cerco e a Confraría de Pescadores que lle trasladaron a súa preocupación polo descenso do consumo de peixe

Malpica, 19 de xaneiro de 2024. José Ramón Gómez Besteiro candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, apostou hoxe por “introducir o peixe dúas ou tres veces por semana nos menús dos comedores escolares e promover campañas que inciten ao consumo de peixe, en xeral, non só porque é un hábito saúdable, senón porque contribúe ao mantemento dun sector produtivo moi importante no noso país como é o da frota de cerco” e aludiu ao interese dos nutrientes que contén o peixe. “O cerco é, amais, a arte de pesca máis sustentable medioambientalmente pero tamén redunda directamente na economía local do país”

Tras reunirse en Malpica coa Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (ACERGA) e o seu presidente, Alberto Castro, e o patrón maior e socios da Confraría de Pescadores de Malpica, Besteiro comprometeuse á ampliación do dique de abrigo da localidade cando sexa presidente da Xunta e sacar á consellería do Mar do actual estancamento e anunciou a posta en marcha de medidas de apoio para a adaptación do sector aos novos procesos, que inclúen a dixitalización total dos controis pesqueiros.

Besteiro apelou á necesidade de colaboración e traballo conxunto entre administracións e mesmo coa Unión Europea para acadar obxectivos satisfactorios para os intereses galegos e recordou que “Rueda non pisou Bruxelas desde que é presidente da Xunta. Nós cremos que temos que estar presentes onde están os intereses da nosa xente”.

Así, recordou que a Xunta do PP non executou o 51% do fondo europeo para a Pesca (FEMP), perdendo unha gran oportunidade para modernizar do sector pesqueiro. Un exemplo claro da mala xestión do PP na Xunta nos últimos dez anos.

Igualmente constatou novamente a “necesidade de recuperar un organismo semellante ao antigo FROM que promova o consumo de peixe fresco ante o cambio de modelo de alimentación e cultural” da sociedade actual. Unha proposta coa que coincidiu o representante de ACERGA, xa que o consumo de peixe descendeu un 32% na última década en España.

En especial, subliñou o candidato socialista, promover o peixe como o xurelo, a sardiña… que provén da pesca do cerco que é a que menos pegada de carbono deixa e a máis respectuosa coa biodiversidade mariña, sostén a unha parte das economías locais e fixa poboación na costa galega.

Os representantes de ACERGA lembraron e agradeceron o apoio á frota do cerco do agora candidato socialista á Xunta cando estaban acampados fronte á Xunta para protestar polos recortes nas cotas de xurelo.

Por outra banda, Besteiro salientou que precisamente Galicia sexa o lugar escollido polo presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, para celebrar a Convención Política na que os socialistas de todo o Estado deseñarán “as políticas do futuro”. Dixo que Galicia está así “no lugar que merece”, e que vai marcar o “rearme ideolóxico” do partido fronte a retos fundamentais para o futuro, como a transición ecolóxica, a reindustrialización, a igualdade ou a blindaxe dos servizos públicos.

Sinalou que o goberno do Estado “escribe con maiúsculas o compromiso” con Galicia coa presenza dos ministros e ministras socialistas, que esta fin de semana certifican a responsabilidade de impulsar a modernización e transformación do país comezando por esta Comunidade Autónoma. Salientou que Galicia será o epicentro do novo pulo do PSOE para impulsar o país co obxectivo de crear máis e mellores empregos, seguir avanzando en dereitos e garantir a convivencia.

Asemade, confirmou a súa presenza na manifestación do próximo domingo en Santiago de Compostela en defensa do noso mar e das súas xentes. “Un sector económico con gran peso no noso país e do que viven moitas familias e que temos que defender ante a incompetencia, ocultación, inacción e, sobre todo, as mentiras de Rueda ante a crise da marea branca dos plásticos”.

Exit mobile version