Con Besteiro na Xunta “incrementaremos os orzamentos da sanidade en Galicia, como primeira medida dun plan de choque para rescatar a Atención Primaria e devolver a calidade asistencial que perdemos pola nefasta xestión do PP”
No encontro participaron os candidatos e candidatas Lara Méndez, Mayra García Bermúdez, Miguel Tomé, Teresa Fernández, Elena Cordero, Manuel Fernández, Catalina Fernández, Silvia Rodríguez e Jorge Val, co secretario de Sanidade da Executiva do partido na provincia, Miguel Rodríguez Lois, e o voceiro no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, xunto a alcaldes e alcaldesas, e voceiros e voceiras municipais socialistas de toda a provincia.
“O Partido Popular non cre na sanidade pública porque non cre no público”, destacou Miguel Rodríguez, quen denunciou que o PP leva sometendo dende hai 15 anos á sanidade pública a uns recortes e a unha “precarización histórica” que deu lugar á situación crítica pola que atravesa este servizo esencial. “Vivimos a peor situación da sanidade pública en Galicia dende a chegada da democracia, sobre todo na Atención Primaria”, asegurou.
Os socialistas destacaron que con Besteiro á fronte da Xunta “incrementaremos os orzamentos da sanidade pública en Galicia, como primeira medida dun plan de choque para recuperar a calidade asistencial, principalmente na Atención Primaria e outras especialidades”.
As cifras da precarización da sanidade
Os socialistas sinalaron algúns dos casos máis graves da provincia, como o peche definitivo do consultorio de Castro, en Carballedo, ou a precarización da atención nos centros de Parga (Guitiriz), Castro de Rei, Cervo ou Nadela (Lugo) tras telos cerrados durante meses. Tamén tivo pechado o consultorio de Bóveda; deixou o ambulatorio de Castroverde sen médicos no Nadal; e desde outubro en Negueira de Muñiz non hai facultativo.
Viveiro, con máis de 15.000 habitantes, non ten pediatra desde hai un ano e chega a haber só un médico dos 10 que tiña que haber. Monforte ten só 5 médicos dos 12 que debería haber para atender aos seus 18.000 habitantes na Fonsagrada contan con 2 profesionais dos 5 que había, e que agora teñen que atender tamén aos veciños de Negueira.
Galicia ten a Atención Primaria máis saturada de España
Lembran os socialistas que o Defensor do Paciente, na memoria anual que elaborou para o 2023, vén de sinalar que a atención primaria de Galicia é xunto coa de Andalucía a máis saturada de España; destacando a “necesidade” de incrementar o cadro de persoal de médicos e pediatras nun 30% para diminuír a presión.
Este documento denuncia ademais o “modus operandi” da Xunta de Galicia para “sanear” a listaxe de espera, excluíndo aos doentes que rexeitan ser intervidos en hospitais de diferentes zonas ás que lles corresponden, “unha medida que supón o aumento da lista non estrutural do Sergas e que vai en favor da sanidade privada”.
Á cola en médicos por por habitante
Tamén fixeron referencia aos ratios de médicos por habitante, que sitúan Galicia como a terceira comunidade autónoma pola cola en España segundo o informe da Fundacion Civio. Galicia conta con 450 por cada 100.000 habitantes, cando a media española se sitúa en 480, e no que ten que ver coa saúde mental, Galicia volve situarse como a comunidade con peor ratio de profesionais por paciente.
Recordan tamén desde o PSdeG que con respecto ao ano 2009, a Xunta do PP reduciu o número de profesionais sanitarios de Atención Primaria en 976 e o orzamento en materia sanitaria -sen ter en conta a inflación- caeu desde ese ano en 130M€. De feito, a sanidade é considerada o principal problema en Galicia para o 26,5%, preocupando principalmente a persoas maiores que viven no rural.
O modelo socialista para a recuperación
A candidatura socialista trasladou que entre as prioridades de José Ramón Gómez Besteiro cando sexa Presidente da Xunta en materia sanitaria estará tamén a de reducir os tempos de espera na Primaria e garantir a atención no prazo máximo de 48 horas, como ocorría na etapa de Touriño, fronte ás esperas de entre 5 e 21 días que se rexistran na actualidade pola nefasta xestión do PP.
Defenden que Besteiro apostará pola sanidade pública en Galicia como Pedro Sánchez desde o Goberno de España. Lembran que co socialista ao fronte do Executivo as últimas convocatorias de prazas MIR foron as máis grandes da historia; que recuperou a sanidade pública universal eliminada por Mariano Rajoy no 2018; eliminou o copago farmacéutico para 6,8 millóns de persoas; estabilizou o emprego e eliminou a temporalidade dos profesionais. Ademais, recordan que con Pedro Sánchez, España garante o dereito a unha morte digna, recuperou o dereito de acceso ás técnicas de reprodución asistida e promoveu a nova estratexia de Saúde Mental 2022-2026.
Tal e como explicaron os membros da candidatura, o plan de choque de Besteiro consistirá nun investimento adecuado, unha planificación axeitada “que evite o colpaso das urxencias”, uns incentivos e condicións laborais estables para o persoal sanitario ou unidades de traslado axeitadas e suficientes.