Empraza a Rueda a que informe sobre a composición destes plásticos para que “todos saibamos a que nos enfrontamos, cales serán as consecuencias deste vertido”
Besteiro reprochou ao candidato do PP que imite os pasos que deu o seu partido hai máis de 20 anos ante o verquido de fuel: “Non vou permitir que Rueda repita os erros que tanto nos custaron aos galegos”. Rueda mentiu, non se moveu ata que a presión cidadá fixo imposible tapar durante máis tempo a situación. Por certo, unha situación que xa coñecían cando se foron de vacacións de Nadal, explicou.
Rueda “oculta explicacións sobre este desastre ecolóxico e non está coordinando os traballos dos que é o único responsable, a pesar de que eu xa lle apuntei solucións”, sinalou o socialista. Gómez Besteiro engadiu un reproche máis ao PP, ao asegurar que “despois aínda pide máis competencias no litoral. Pero se non da feito coas que xa ten!”.
O tamén deputado por Lugo lembrou que xa o 13 de decembro veciños da zona alertaron á Xunta, a través do 112 da presenza de plásticos nas praias, sendo recollido o suceso na prensa ese mesmo día. Así mesmo, o Goberno comunicou á Xunta esta problemática sen obter ningún tipo de actuación dende o executivo autonómico.
Besteiro denuncia que semanas despois, e cos voluntarios xa nas praias, o goberno de Rueda manda unha carta aos concellos para que se busquen a vida, abandonando unha vez máis a costa á súa sorte”. E mentres, “fóronse de vacacións de Nadal sabendo perfectamente o que viña, sen advertir da dimensión do que pasaba”.
Besteiro empraza a Rueda a que informe sobre a composición destes plásticos para que “todos saibamos a que nos enfrontamos, cales serán as consecuencias deste vertido”. Así mesmo, lembrou á Xunta que ten un Plan de Continxencias por contaminación mariña que lle esixe “actuar e coordinar, e non fixo ningunha das dúas cousas”.
O candidato dos socialistas galegos á Presidencia da Xunta criticou a indefensión de concellos, sector pesqueiro e cidadáns “pola incapacidade dun goberno que o único que sabe é manipular e intentar enganar a todos enviando ás praias a catro persoas con casco e rastrillo e a un conselleiro que non ten ni idea do que fala”.