Site icon Crónica3.com A Mariña

As obras de renovación de varios viais en Granxas, Covas, comezarán o 22 de xaneiro

Viveiro, 12 de xaneiro de 2023. O Concello de Viveiro anuncia que as obras de renovación de varios viais na zona de Granxas, na parroquia de Covas, comezarán a partir do luns día 22 de xaneiro.

María Loureiro, alcaldesa de Viveiro, estivo hoxe xunto aos técnicos municipais supervisando a zona, nunha visita na que tamén estivo a tenenta de alcaldesa, Míriam Bermúdez.

Estas obras xa estaban previstas no anterior mandato e contan co apoio da Deputación de Lugo, a través do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos.

Con estas obras búscase solventar os problemas que estaba sufrindo a veciñanza, en particular polas inundacións que se producían na zona.

O orzamento ascende a 164.392,96 euros. A actuación inclúe a mellora da pavimentación nas zonas destinadas ao tráfico rodado, a reposición dos servizos da rede de saneamento coa implementación da pluviais e a dotación dunha nova rede de abastecemento de auga.

Os traballos terán lugar en catro viais moi concorridos dada a súa proximidade á praia de Covas, nos que atópanse ademais tanto edificios de vivendas como establementos comerciais.

Dada a súa antigüidade e o elevado tráfico rodado que soportan, os viais presentan un estado de conservación moi deteriorado no que se refire ao firme de rodadura.

Con respecto aos servizos urbanos, incluíndo a rede de saneamento, a rede separativa de pluviais e a rede de abastecemento de auga, debido tamén ao aumento de poboación na zona durante os últimos anos, estes tamén se atopan moi deteriorados, sendo necesarias continuas intervencións de reparación de roturas de tuberías e atascos de colectores. Resulta necesaria unha rápida intervención de reposición dos devanditos servizos para garantir o seu bo servizo e funcionamento.

Exit mobile version