Burela, 11 de xaneiro de 2024. As Guerreiras Laranxas recibiron esta mañá a visita do vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro Caloto. O responsable provincial de Deportes presenciou o adestramento de Vista Alegre xunto a Ana Pontón, portavoz do BNG e candidata á presidencia da Xunta; os concelleiros de Burela de Mocidade e Igualdade respectivamente, Mario Pillado e Sandra Fernández; e a vicepresidenta da Mancomunidade da Mariña, Ana Ermida, entre outros representantes comarcais e autonómicos.
Nesta xuntanza, o presidente do Pescados Rubén Burela FS, Manuel Blanco Fanego, acompañado polas integrantes do equipo de Primeira Iberdrola, compartiu cos asistentes algúns dos aspectos máis destacados do labor de igualdade no fútbol sala polo que leva traballando a entidade laranxa dende a estrea do conxunto feminino en 2008-09. Tras erixirse en 2018 como o primeiro club en España en asinar un convenio colectivo de xogadoras profesionais, nestes momentos o Burela FS traballa nun plan de igualdade; así o explicou tamén o vicepresidente laranxa, José Luis Sáez, como secretario da comisión negociadora constituída o pasado mes de decembro.