A porteira brasileira de 23 anos fichou polo club en agosto, sendo cedida por entonces ao Viaxes Amarelle e, finalmente, reincorpórase ao club tras a marcha da nosa Lendaria Jozi
Burela, 18 de xaneiro. Ana Eliza Ribeiro de Oliveira (Ana Eliza), nada en Passa-Qatro (Minas Gerais, Brasil) no ano 2000, reincorpórase a o equipo feminino do Pescados Rubén Burela FS na metade desta tempada 23/24, despois de xogar durante a primeira volta no Viaxes Amarelle cedida polo noso club. A porteira brasileira será a nova compañeira de Caridad baixo os paus tras a triste marcha da nosa lendaria porteira, Jozi Oliveira a terras itálicas.
Procedente do AD Sala Zaragoza, no que xogou durante a tempada 22/23, Ana Eliza dá os seus primeiros pasos no fútbol sala participando eventualmente en torneos co equipo da súa terra natal, o Passa Quatro MG, desde 2014 a 2019. Neste último ano ficha polo Caxambu MG durante unha tempada, pasando ao Américo Brasiliense SP no que xoga na tempada 20/21 e que será a última en Brasil. Na 21/22 comeza a súa carreira na liga española fichando polo Joventut D’Elx durante outro ano, ata a pasada tempada. Unha xogadora nova, moi traballadora, que confiamos encaixará ben e dará frescura á nosa plantilla.
Ana Eliza volve a Burela ilusionada e con moitas ganas de aprender, “É un club onde todas queren estar, porque é onde se atopan as mellores xogadoras e profesionais. Cando empecei a xogar a fútbol sala vía os partidos de Primeira División española desde Brasil e soñaba con xogar neste equipo. Para min foi sempre un referente no futsal feminino”. Sobre o que espera achegar ao equipo, “Eu creo que podo achegar a miña gran ilusión por mellorar deportivamente como xogadora profesional, as miñas ganas por traballar todos os días para alcanzar grandes metas deportivas xunto ao Burela FS” e sobre o que espera aprender nel, “Estou completamente segura de que aprenderei de todas e cada unha das grandes profesionais que xogan neste club”. Os seus obxectivos para o que queda de tempada no equipo “Os meus obxectivos para o resto da tempada son estar ao meu máximo nivel para poder xogar e axudar ao equipo para gañar todos os títulos posibles”. Por último, unha mensaxe á afección, “Vou tentar devolver o agarimo co que me acolleron neste precioso lugar, que me lembra a Minas, cos maiores éxitos posibles para a afección”.
Manuel Blanco, presidente do club, confía na nova fichaxe, “Estaba cedida no Viaxes Amarelle, pero ao ser nosa e irse Jozi reincorporámola ao club. Porteira nova, de 23 anos, con proxección, na liña que estamos seguindo este ano, e que vai compartir a portería con Caridad e loitar por eses minutos de xogo que non son fáciles de conseguir no noso equipo debido á calidade das xogadoras. É importante manter alto o nivel das/os nosas/os porteiras e porteiros, un elemento crave do xogo. É unha aposta que xa levamos meses seguindo e agora vai ter a oportunidade de poder xogar neste equipo e de aprender das nosas xogadoras, especialmente de Caridad. O importante é o traballo, xa o sabe porque xa estivo connosco ao principio do verán esta pretempada e é o plantexamento base que hai que seguir aquí, traballo, traballo e traballo. Comezará ademais coa oportunidade de poder gañar un título, a Supercopa, que se celebrará dentro de dúas fin de semana en Torremolinos, e que esperamos poder traer a Burela, polo menos, dalo todo por iso. Sería unha boa estrea no equipo”