Alfonso Villares, criticou a incoherencia de que o mesmo que se lle nega a Galicia se lle outorgue ao País Vasco e reiterou que defender esta lei é defender a un sector fundamental para a comunidade, con gran implantación por todo o litoral e que é un gran motor de xeración de emprego, representando o 5% do PIB galego. O conselleiro resaltou que o recurso a esta lei é outro ataque máis do Goberno central ao sector marítimo pesqueiro galego que se suma á negativa a baixar o IVE ao peixe, marisco e conservas e a inexistencia dun PERTE para a cadea mar-industria que permita realizar novos investimentos ás empresas a través dos fondos europeos. Fronte a iso, o responsable autonómico reiterou o compromiso do Goberno galego de seguir traballando en favor da sustentabilidade e o futuro dunha actividade que, máis alá do seu peso económico, esta estreitamente unida á identidade galega.