O conselleiro critica que non se materialicen as promesas por parte do Goberno central e sinala que o sector leva dous anos agardando a que se active despois da súa exclusión do Perte Agroalimentario
O conselleiro subliñou a importancia do Perte que resulta fundamental para que as entidades empresariais como a lucense podan acceder a fondos europeos que resultan estratéxicos para a realización de importantes investimentos que fagan posible que as empresas podan continuar afondando na súa transformación mellorando os seus procesos produtivos e competitividade. Nesta liña amosou a súa preocupación pola falta de novidades e concreción por parte do propio ministro Planas na súa última comparecencia na Comisión de Agricultura, Pesca e Alimentación do Congreso dos Deputados.
Alfonso Villares criticou o que considera un incumprimento máis do Goberno central coa industria pesqueira galega ao que suma o feito de que aínda non se coñeza a resposta do Executivo á petición de zona catastrófica para os bancos marisqueiros afectados polas intensas precipitación do outono que provocou unha alta mortaldade nas poboacións de bivalvos. Unha parálise que está a xerar aínda máis incertezas nun contexto económico especialmente complexo pola elevada inflación, os efectos da invasión rusa de Ucraína ou a alza dos custes financeiros. Nese sentido destacou que de este sector depende 50.000 empregos e que está vinculado o 91% das actividades económicas da comunidade alcanzando o 5% do PIB de Galicia.
Experiencia e calidade
O titular de Mar destacou os máis de corenta anos de traxectoria de Frigomar ofrecendo o mellor peixe e marisco galego aos seus clientes cunha aposta decidida pola innovación tecnolóxica, profesionais con experiencia e unha loxística eficiente que lles permite levar os seus produtos ao consumidor en 24 horas a través da súa peixería en liña. Un alimento, resaltou o conselleiro, cuxo consumo aporta múltiples beneficios para saúde e as súas propiedades nutritivas xa que é rico en proteínas, vitaminas, minerais e ácidos graxos Omega-3 polo que o seu consumo permite reducir enfermidades cardiovasculares e reducir a inflamación corporal entre outros.
Peixerías de proximidade
Alfonso Villares tamén visitou no concello de Burela a peixería Pastoriza onde resaltou o papel esencial que xogan as peixerías de proximidade e os seus profesionais na promoción da calidade e sabor dos produtos do mar de Galicia. Subliñou que son fundamentais, polo seu contacto directo e relación de confianza co cliente final, á hora de explicar e promover as propiedades culinarias e en dar a coñecer a gran variedade de especies de peixe e mariscos galegos así como os beneficios para a saúde que hai detrás do seu consumo.