Lugo, 5 de xaneiro de 2024. O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destacou a importancia de promocionar o consumo de peixe entre os consumidores polos seus beneficios para a saúde e polo seu impacto positivo que ten no sector do mar de Galicia. O titular de Mar, realizou estas manifestacións acompañado polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, durante a visita á Praza de Abastos da cidade da muralla na que volveu a reclamar ao Goberno central que acceda a rebaixar o IVE aos produtos pesqueiros. O responsable autonómico recordou que esta medida xa foi acometida por outros países e que ven avalada por informes de organismos independentes así como das propias universidades galegas nos que se sinalan o impacto positivo que tería esta redución impositiva no incremento do consumo á vez que na recadación deste imposto.
Alfonso Villares subliñou que se trata dunha reclamación de todo o sector pesqueiro e que aínda non foi atendida por parte do Executivo estatal nun contexto especialmente complexo de baixada do consumo dos produtos do mar. Unha situación que, por un lado, está repercutindo negativamente na saúde dos consumidores polo importante valor nutritivo destes alimentos e, por outro lado, economicamente nas grandes e pequenas empresas do propio sector. Nesta liña o responsable autonómico sinalou a desvantaxe competitiva que supón respecto a outros alimentos que sí viron reducido o IVE con motivo da escalada nos prezos dos últimos anos.