Dada a natureza destes materiais e a súa flotabilidade, resultaría máis efectivo controlar a súa dispersión no propio mar, denantes de que arriben á costa e se depositen nos areais e nos bancos marisqueiros. De especial importancia sería reforzar a protección na boca das rías e na contorna dos espazos naturais protexidos, áreas nas que a penetración destes contaminantes e a súa persistencia no medio podería supoñer un maior dano ecolóxico.
ADEGA solicitou tamén unha entrevista urxente cos responsábeis de Medio Ambiente e Mar para coñecer as actuacións desenvolvidas pola administración da Xunta nesta catástrofe e reclamarlles maior transparencia na divulgación da información sobre a natureza, alcance e consecuencias desta marea plástica.
Precisamos coñecer canto antes a orixe, cantidade, composición exacta e potencial contaminante destes materiais plásticos para tomar as axeitadas medidas de protección e salvagardar a saúde ambiental e cidadá. Dende o pasado día 4 de xaneiro que pedimos información, non recibimos aínda resposta por parte da Xunta. Asemade, solicitamos tamén xuntanza cos responsábeis do Estado en Galiza para reclamarlles unha maior implicación e coordenación coa Xunta.
Formación do voluntariado
ADEGA está a organizar diversas xornadas formativas con voluntariado para a coordenación dos labores de limpeza e a intervención directa no litoral afectado, das que informaremos este vindero martes 9 de xaneiro. É fundamental establecer un protocolo de actuación e unha mínima coordenación nos labores de limpeza da costa afectada para non causar maiores danos aos fráxiles ecosistemas litorais. Evitar a masificación, coñecer o medio, usar as técnicas axeitadas e dirixir os esforzos alí onde se precisa resulta chave para que os traballos de limpeza sexan realmente efectivos. A experiencia acumulada durante a catástrofe do Prestige e as anuais limpezas simultáneas de praias debe resultar nuns traballos de voluntariado máis efectivos e seguros.
Con todo, lembramos que a principal responsabilidade da loita contra esta e outras verteduras de contaminantes na costa non é do voluntariado senón das administracións. Son a Xunta, o Estado e en última instancia os Concellos os encarregados de dispoñer os medios precisos para facer fronte a esta emerxencia ambiental. Exixímoslle portanto maior implicación, medios, coordenación e transparencia para que outra volta, non sexa a cidadanía a que teña que afrontar en solitario a loita contra esta nova catástrofe.