Ribadeo, 31 de xaneiro de 2024. Namórate con Acisa é a campaña que a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo desenvolverá do 3 ao 13 de febreiro. Acisa sorteará dúas viaxes para dúas persoas a escoller entre máis de 5.100 destinos.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo: “presentamos unha nova edición da campaña de San Valentín coincidindo con esta cita tan importante e tan especial como é o dia dos namorados. Tras o Nadal e agora que estamos en plenas rebaixas, esta campaña sempre é importante realizala, xa que as parellas de namorados aproveitan para facerse un agasallo e así celebrar o amor. Se cabe ademais neste ano, pode ter maior relevancia e repercusión, dado que esta campaña de San Valentín coincide co Entroido Ribadense, polo que esperamos que sexa un revulsivo mais para facer as compras no noso comercio local”.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “a campaña desenvolverase do 3 ao 13 de febreiro no comercio asociado a Acisa Ribadeo. As persoas que durante este período de tempo realicen as súas compras nos negocios asociados recibirán papeletas para entrar no sorteo de San Valentín. Vanse repartir 8.000 papeletas nesta campaña, 2.000 mais que o ano pasado. O sorteo será non presencial o 14 de febreiro nas instalacións de Acisa e o seu resultado darase a coñecer, coma sempre, a través das nosas redes sociais e dos medios de comunicación. O premio desta campaña, serán dúas viaxes para dúas persoas de dúas noites con almorzo a escoller en mais de 5.100 destinos”.
Cruzado Iglesias engadiu que “animamos á nosa veciñanza a celebrar o amor en Ribadeo. A nosa hostalería xa ten preparados menús especiais para estas datas, tanto nas fins de semana coma o mesmo 14 de febreiro. E no comercio local podemos atopar todo o que precisamos para sorprender ou para ter un detalle coa nosa parella”.
A campaña de San Valentín, organizada por Acisa coa colaboración da Xunta de Galicia, foi presentada pola presidenta e polo xerente do colectivo empresarial.