A secretaria xeral da igualdade, Sandra Vázquez, mantivo hoxe un encontro con representantes dos municipios na delegación territorial da Xunta en Lugo para lembrarlles que o prazo de solicitude está aberto deica o 8 de febreiro
O programa, ao que poden concorrer as entidades de xeito individual ou compartido, inclúe, polo tanto, tres liñas de financiamento. Nas accións dirixidas a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade no eido local -financiadas a través do Plan Corresponsables- investiranse 6 millóns de euros para a posta en marcha de medidas orientadas a facilitar a conciliación e a corresponsabilidade das familias con menores de ata 16 anos inclusive, tendo prioridade as familias monoparentais, as vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, desempregadas de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou as unidades familiares nas que existan outras circunstancias relacionadas cos coidados.
As axudas máximas ás que optan as entidades locais son de 150.000 euros no caso de solicitude individual e de ata 225.000 euros se a xestión é compartida. Apoiaranse, dunha banda, as bolsas de coidado profesional a través de dúas modalidades: para a habilitación de servizos que poidan prestarse no domicilio das familias por un número determinado de horas semanais; ou que teñan lugar en dependencias públicas habilitadas para o efecto, tales como escolas, centros municipais, multiusos, polideportivos ou ludotecas, entre outros. Doutro lado, tamén se conceden axudas para a realización de plans de sensibilización e formación en corresponsabilidade e coidados destinados aos homes e ás familias para promover a perspectiva de xénero e fomentar a corresponsabilidade no eido dos coidados.
Apoio aos CIM e á igualdade
A segunda liña de financiamento deste programa é a dirixida a apoiar o labor dos Centros de Información á Muller (CIM) de Galicia, unha rede composta na actualidade por 84 oficinas que dan cobertura a preto de 200 concellos e atenden unha media de 9.500 mulleres cada ano. Invístense preto de 4,5 millóns de euros nesta actuación para financiar os gastos das persoas profesionais destes centros que desenvolven postos laborais de dirección, asesoramento, xurídico, atención psicolóxica, persoal técnico e axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero. Cada entidade local poderá recibir como máximo 45.000 euros e ata 120.000 euros no caso de solicitudes conxuntas.
O programa inclúe, por último, apoios para a posta en marcha de accións para a promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia de xénero para o que se dedican 500.000 euros. Neste caso, as entidades locais poden recibir como máximo 15.000 euros no caso dunha solicitude individual e de 28.000 euros se é compartida entre varios concellos.
Os apoios dos tres programas formalízanse mediante a concesión de anticipos para facilitar ás entidades locais o desenvolvemento das súas accións. Outórgase así un adianto do 80% da contía da axuda concedida, que se fará efectivo unha vez realizada a notificación da resolución de concesión.