Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta financiará a restauración da talla do Cristo da Vera Cruz, un dos pasos procesionais da Semana Santa de Viveiro

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego colaborará coa Confraría da Venerable Orde Terceira Franciscana para mellorar as condicións de conservación da peza

Viveiro, 15 de xaneiro de 2024. A Xunta de Galicia colaborará coa Confraría da Venerable Orde Terceira Franciscana de Viveiro para restaurar a talla do Cristo da Vera Cruz. A actuación responde a unha petición da Xunta de Confrarías da Semana Santa vivariense.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, anunciou que o Goberno galego financiará os traballos de restauración da peza, que forma parte dos pasos procesionais da Semana Santa desta localidade, declarada Festa de Interese Turístico Internacional.

A imaxe está emprazada na igrexa de San Francisco e figura entre as que acompañan o tradicional vía crucis das mulleres de Viveiro. Representa a Cristo crucificado e está realizada en madeira de castiñeiro policromada con pintura ao óleo. Atribúese ao século XV, aínda que non consta a datación exacta nin o autor.

En canto á intervención prevista, levarase a cabo unha limpeza a fondo, a mellora das condicións de conservación e a consolidación da peza. O proxecto fai fincapé na importancia de conxugar o criterio estético coa salvagarda do valor cultural e artístico da talla.

O delegado engadiu que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural xa resolveu favorablemente á execución desta intervención, que terá que ser realizada por persoal técnico con formación específica en materia de conservación e restauración de bens culturais.

Exit mobile version