Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta explica en Lugo as liñas de axuda ao emprego autónomo que poderán solicitarse a partir do martes

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, informou ao presidente do Colexio Profesional de Graduados Sociais, Manuel Núñez, dos pormenores da convocatoria

Lugo, 11 de xaneiro de 2024. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión co presidente do Colexio Profesional de Graduados Sociais, Manuel Núñez, para informarlle sobre as axudas ao emprego autónomo que poden solicitarse a partir do vindeiro martes. Tamén asistiu a xefa territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Pilar Fernández.

A xuntanza tivo lugar na Delegación Territorial, co fin de comunicar as novidades e resolver as dúbidas que poidan ter estes profesionais, que tramitan boa parte das solicitudes deste tipo ante a Administración. A convocatoria publicouse o pasado día 9, e o prazo de presentación estenderase entre o 16 de xaneiro e o 30 de setembro.

Conta cun orzamento de 28,9 millóns de euros, dos que 19,3 están dirixidos a financiar o inicio de actividade e outros 9,6 a dar soporte á nova medida pola que se financia o 100% a cota reducida dos autónomos durante os 12 primeiros meses. O investimento está cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus: Programa FSE+ Galicia 2021-2027.

Así, prevense achegas máximas de case 8.000 euros para que as persoas desempregadas que se dean de alta en Galicia como traballadoras autónomas poidan facer fronte aos gastos iniciais do seu negocio.

En concreto, as contías para impulsar o inicio da actividade van dos 2.000 euros básicos para persoas desempregadas en xeral, ata os 4.000 no caso de que se trate de menores de 30 anos, parados de longa duración, con discapacidade, dependencia, en exclusión social, emigrantes retornados e estranxeiros ou maiores de 52 anos. Haberá un incremento extra do 15% se a autónoma é muller ou o centro de traballo está no rural, entre outros supostos.

Para acceder ao financiamento íntegro da cota durante o primeiro ano, os autónomos deberán ser beneficiarios da cota reducida no momento de presentación da solicitude. A contía neste caso ascende a 960 euros, o equivalente ao pagamento do importe mensual reducido multiplicado polos 12 primeiros meses de alta.

Estas medidas teñen encaixe na estratexia aprobada polo Consello da Xunta o pasado novembro, a Axenda Impulso Autónomo Horizonte 2027, á que se destinarán máis de 360 millóns de euros de orzamento para potenciar a calidade dos novos proxectos e facelos máis competitivos.

Exit mobile version