O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que xestións como a iluminación da estación, a nova parada de autobuses e o futuro Punto de Atención á Infancia realizáronse recentemente en coordinación entre ambas Administracións
O delegado territorial, Javier Arias, desminte as afirmacións da alcaldesa e lembra que “é contrastable a vontade de colaboración por parte do Goberno galego para sacar adiante proxectos que beneficien aos veciños e veciñas”.
“Os técnicos dos distintos departamentos e os responsables das xefaturas territoriais traballan directamente co Concello vilalbés para avanzar en asuntos de interese para o municipio -afirma Arias-, entre os máis recentes a iluminación da estación de autobuses, a creación da nova parada e o futuro Punto de Atención á Infancia”.
De feito, froito deste traballo conxunto, a Xunta de Galicia vén de conceder -tal como comprometera- unha subvención de 123.700 euros ao Concello de Vilalba para a posta en marcha do PAI.
No ámbito deportivo, tamén recibiu recentemente da Secretaría Xeral para o Deporte 50.000 euros -dous terzos do orzamento total- para a reparación da cuberta do pavillón municipal.
“A cooperación cos concellos é un dos piares do noso traballo diario -apunta Arias-. Dicir que a Xunta non inviste nin un só euro en Vilalba é simplemente un disparate”. Ao respecto, o delegado lamenta que o Goberno municipal renunciara expresamente a optar ás liñas 1 e 3 do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local e arrisque outras achegas do Goberno autonómico por non executar as obras en prazo.
Arias invita á alcaldesa vilalbesa a “corrixir a actitude de confrontación” porque “os responsables públicos temos a obriga de xestionar con responsabilidade os nosos proxectos e con respecto e coordinación os que son conxuntos con outras administracións, dado que os destinatarios finais son sempre os cidadáns”.