Site icon Crónica3.com A Mariña

A Visita dos Reis Magos a Foz este venres inclúe chocolatada con churros e roscón

Foz, 4 de xaneiro de 2024. Os Reis Magos chegan a Foz cumprindo o convenio que asinaron no 2020 co alcalde, Fran Cajoto. “Sempre cumpren co acordado e o ano que vén tocará renovar este convenio para que continúen acudindo á cita”, explica o rexedor municipal. O percorrido sairá ás 18.30 horas do Paseo da Rapadoira, pasando pola praza Conde Fontao, a rúa Valle Inclán, a avenida da Mariña e Álvaro Cunqueiro ata chegar ao consistorio, momento no que as súas maxestades pasarán polo Belén vivinte, que se realiza coa colaboración do Colexio do Pilar, e saudarán dende o balcón do Concello. Os Reis desprazaranse ata a Sala Bahía, na que se realizará a tradicional recepción con chocolatada con churros e roscón.

A delegación de Cultura agradece a implicación de todos as veciñas e veciños que axudan, así coma os establecementos da vila Xoyma, Anduriña, Amarena e Churrería Pereiras, que colaboran coa realización deste evento. A concelleira de Cultura, Inés López Couto, desexa “que se acheguen moitas nenas e nenos a saudar aos reis e que desfruten moito coas novidades, xa que este ano as súas maxestades non virán soas e traerán un séquito especial así coma novas lambonadas. Agradecemos a colaboración tamén dos traballadores municipais e de Protección Civil”.

Exit mobile version