A escasos minutos da unha desta pasada madrugada, o persoal de Salvamento Marítimo comunicaba o incidente ao 112 Galicia. Indicaban que un pesqueiro con cinco tripulantes a bordo encallara na Costa, preto de Rinlo,ao Este de Punta Corveira, en Ribadeo e que unha embarcación de Salvamento e un helicóptero do Servizo de Garda Costas de Galicia xa se desprazaban ao punto. A partir de aí, foron informados polo 112 Galicia os axentes da Garda Civil, os efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil da localidade e o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia, por se fose precisa a súa intervención.
Finalmente, o persoal de Salvamento comunicou ao 112 Galicia que os cinco tripulantes foran recollidos polo helicóptero Pesca-2, que os derivaba á base da aeronave e que todos eles se atopaban en bo estado. Ningún precisou asistencia sanitaria.