Trátase dunha marca “con personalidade, auténtica, feminina, culta e universal, con vocación de permanencia e liderazgo”, segundo subliñan desde a entidade.
A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, indicou que “A Mariña é un territorio, un sentimento, un xeito de facer as cousas, pero tamén un compromiso. O compromiso que amosan cada día os dezaseis concellos que conforman a Mancomunidade, as empresas e axentes vinculados ao turismo que con esforzo e implicación, están colaborando coa consecución dos obxectivos do Plan de Sostibilidade Turística.”.
López subliñou que “hoxe, grazas á inxección de 2 millóns 225 mil euros do PST e ao apoio da Deputación de Lugo, Xunta de Galicia e SETUR, estamos abordando proxectos que sen dúbida van permitir potenciar os esforzos realizados e darán un novo impulso e proxección ao destino. Un proxecto que nos está permitindo traballar para contribuír a afrontar o reto demográfico, consolidar a Mancomunidade coma ente xestor do destino, traballar en alcanzar un uso sostible do noso patrimonio cultural e natural, de infraestruturas verdes en torno á mobilidade activa e sostible, renovar, crear ou consolidar produtos turísticos, con recursos endóxenos e de calidade, que contribúan á desestacionalización e a desconcentración dos fluxos turísticos, así como á cohesión territorial”. E engadiu: “un plan estruturado en 5 eixos básicos e 18 liñas de actuación con propostas que xorden dun traballo conxunto realizado da man dos concellos e axentes turísticos da Mariña. Neste contexto e mais concretamente dentro da Estratexia e plan de marketing que elaboramos xurde a nova marca turística e de territorio que presentamos hoxe aquí”.
En primicia e como anticipo a FITUR, a presidenta da Mancomunidade, compartiu cos asistentes ao acto o vídeo deseñado para abordar unha potente campaña de comunicación que terá lugar durante o ano 2024 a cargo do PST. “Unha peza baixo o título A Mariña. Toma o teu tempo que transmite dun xeito esencial e poético a alma do que queremos contar e compartir, indicou.
A vicepresidenta da Mancomunidade, Ana Ermida, explicou na quenda de intervencións os obxectivos da nova marca: “fortalecer o protagonismo da Mariña, impulsar a renovación da nosa identidade e conectar A Mariña cos seus recursos máis recoñecidos; aumentar a rendibilidade económica e social; atraer fóra de tempada a un turismo galego e nacional de escapada slow, coa cultura, a natureza, o deporte ou a gastronomía como motivacións; mellorar a calidade da experiencia turística; potenciar a participación da cidadanía, do sector e dos visitantes; e conseguir sinerxias co resto de sectores económicos do territorio, favorecendo a colaboración público – privada, abrindo espazos para a interacción”.
Ermida subliñou que a nova marca “quere inspirar o sentimento de pertenza entre a poboación local e que representa os valores da Mariña: unha Galicia cantábrica auténtica, con gran personalidade, acolledora, de escala humana, baseado nun ritmo de vida tranquilo que se expresa a través dunha cultura e patrimonio singular, dunha sorprendente paisaxe, e dunha gastronomía propia vencellada á cultura mariñeira e a un produto local”.
No 2024 a Mancomunidade de Concello abordará unha campaña interna, que terá como obxectivo espertar o sentido de pertenza entre a cidadanía local: A Mariña, Latexa contigo. A nivel externo será lanzada a campaña de publicidade Toma o teu tempo, deseñada para atraer visitantes nos meses de baixa demanda e inclúe a renovación dos soportes de comunicación, a elaboración de merchandising, o deseño e execución dun plan de activación da marca a través de eventos en mercados obxectivo e o deseño de campañas publicitarias.
No acto tamén interviñeron Pablo Rivera, deputado da Área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Carmen Pita, Directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, e Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo. A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, tivo palabras de agradecemento para todas as administracións implicadas no desenvolvemento do PST.
Ademais dos representantes políticos e técnicos dos concellos da Mariña, en Mondoñedo déronse cita representantes do Clúster de Turismo de Galicia, de APEHL, do Bispado da Diocese Mondoñedo-Ferrol, das Acias e dos Concellos da comarca, entre outros organismos e entidades, así como numerosos colaboradores do sector turístico privado.
O broche final tivo lugar coa entrega de diplomas ás 29 empresas e servizos da Mariña integrados no SICTED (Sistema Integral de Calidade Turística):
Hotel Albergue Montero
LUZADA – Glamping Burbujas
Finca Goleta
Hotel Mi Norte
Hotel- apartamento Complexo Alameda
Lumen Place Albergue
Lumen Place Apartamentos
Hotel A Finca
A Lume Manso PR*
Finca Galea
Os Tres Teixos
Casa do Mudo
Casona de Labrada
Cabanas da Barcela
Hotel U Viveiro
Hotel Ego
Hostel Áncora Foz
Malates Slow Boutique Hotel, Foz
Hotel Restaurante Javier Montero
Restaurante El Oviedo
Augas Santas cervexería artesanal
Oficina de Turismo de Ribadeo
Oficina de Turismo da Pontenova
Oficina de Turismo do Vicedo
Oficina de Turismo de Burela
Oficina de Turismo Viveiro
Sra. María Servizos Turísticos
Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen
Catedral de Mondoñedo