A Mariña, 29 de xaneiro de 2024. A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense volveu estar presente en Fitur durante os días dedicados a profesionais do 24 ao 26 de xaneiro onde mantivo reunións de traballo, presentou a nova marca turística e de territorio A Mariña, Galicia de corazón así como a campaña Toma o teu tempo ante autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector ao mesmo tempo que puido coñecer casos de boas prácticas e recibir o diploma de recoñecemento a destino SICTED.
No acto desenvolvido no stand de Galicia en Fitur, que tivo lugar o xoves 25, interviñeron a presidenta da Mancomunidade, Rocío López, acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a directora da Área de Promoción da Axencia Turismo de Galicia, Carmen Pita, e o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. Trátase de entidades que cofinancian xunto á Mancomunidade o Plan de Sostibilidade Turística, como é o caso da Xunta de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, e apoian económicamente ao ente supramunicipal na achega que este ten que realizar para o plan como no caso da Deputación lucense.
Nesta presentación, chea de público, estiveron arroupando á Mancomunidade alcaldesas e alcaldes do xeodestino, empresas e asociacións que eses acudiron a Fitur a coñecer os potenciais turísticos da Mariña.
Tras presentar a marca turística e de territorio A Mariña, Galicia de corazón o pasado 15 de xaneiro en Mondoñedo cunha fantástica acollida entre a xente asistente e logo tamén na prensa e redes sociais, a Mancomunidade de Concellos levou a FITUR 2024 esta nova proposta de identidade e a campaña de comunicación Toma o teu tempo, que presentou a través dunha peza audiovisual que xa se avanzara e contou cun potente recibimento no acto da Mariña. No caso de Fitur, a acollida entre o público tanto da nova marca como da campaña foi tamén firme.
O acto en Fitur estivo apoiado por material impreso en formato postais dos 16 concellos que conforman a Mancomunidade e se unen baixo esta nova marca turística e de territorio e tote-bags cos pictogramas dos concellos, recursos e atributos turísticos da Mariña.
Alí abordouse así mesmo a evolución dos proxectos que o Servizo de Turismo da Mancomunidade está acometendo no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense (2022-2024) e que continúan evolucionando para acadar os obxectivos trazados. O vídeo presentado en Fitur está tendo unha magnífica acollida, xa que dende o xoves acumula máis de 110.000 impresións nas diferentes redes sociais de Turismo da Mancomunidade. Así mesmo acontece co vídeo de marca publicado trala presentación na Mariña o pasado 15 de xaneiro que alcanza as 132.000 impresións.
Durante as intensas xornadas de traballo na Feira Internacional de Turismo a Mancomunidade mantivo encontros con National Geographic, tras a nominación aos Premios dos Lectores 2024 da Mariña, xunto con lugares como Menorca, Fuerteventura ou Costa Verde, como mellor destino de praia de España; reunións con turoperadores e diversos medios de comunicación para a promoción do destino; xuntanzas co xeodestino de Ferrolterra-Ortegal para tratar proxectos en común como Turismo Slow Norte de Galicia ou o Camiño do Mar; e unha mesa de traballo co Clúster de Turismo “para interesarnos polo proxecto Galicia Destino Sostible”, entre outros.
Rocío López recolleu o diploma de recoñecemento pola implicación e labor feita desde a Mancomunidade no marco da integración da Mariña no Sistema Integral de Calidade Turística (SICTED).
As persoas que acudiron a Fitur 2024 puideron atopar no módulo provincial de Lugo no stand de Turismo de Galicia, sito no pavillón 9 do recinto feiral de Ifema ata o pasado domingo 28 de xaneiro, información turística sobre A Mariña, cunha nova edición do mapa-folleto e postais que trasladan xa a nova imaxe de marca territorio, aglutinadora dos concellos que conforman A Mariña, xunto á guía – turística.