Site icon Crónica3.com A Mariña

A Mancomunidade presentará este xoves en Fitur a súa nova marca turística e a campaña ‘Toma o teu tempo’

A Mariña, 22 de xaneiro de 2024. Tras presentar a marca turística e de territorio A Mariña. Galicia de corazón o pasado 15 de xaneiro a Mancomunidade de Concellos levará a FITUR 2024 esta nova proposta de identidade e presentará a campaña de comunicación Toma o teu tempo ante autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector.

Toma o teu tempo será presentada a través dunha peza audiovisual que formará parte do acto A Mariña. Galicia de corazón que a Mancomunidade realizará o vindeiro xoves, 25 de xaneiro, ás 16:30 horas no stand de Galicia en FITUR. Neste evento, intervirá a presidenta da Mancomunidade, Rocío López, acompañada polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a directora da Área de Promoción da Axencia Turismo de Galicia, Carmen Pita e o presidente da Deputaicón de Lugo, José Tomé para introducir a campaña e para amosar tamén a evolución dos proxectos que o Servizo de Turismo da Mancomunidade está acometendo no contexto do Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense (2022-2024) e que continúan evolucionando para acadar os obxectivos trazados.

A presidenta da Mancomunidade, Rocío López, explica que “o vídeo que se presenta no acto e que formará parte dunha serie de accións de comunicación programadas, ten o seu principal eixo inspirador no tempo da Mariña. Ese ritmo particular, tranquilo, alonxado do ruido e da conxestión doutros destinos e tamén ese tempo climático agradable que aporta a enerxía do Cantábrico e permite gozar do contacto coa natureza.
Tamén se presenta unha Mariña que sintetiza na súa paisaxe, valores e recursos, a autenticidade de Galicia e a unha terra con gran personalidade”.

López indicou que “a campaña publicitaria que se porá en marcha en 2024 con accións planificadas e moi orientadas, pretende motivar os desprazamentos ao destino nos meses de baixa demanda e atraer a segmentos considerados prioritarios, públicos obxectivos moi ben definidos compostos por turistas galegos e nacionais de escapadas slow con motivacións culturais e de natureza e turistas gastronómicos e activos”.

A Mancomunidade estará presente en FITUR desde o 24 de xaneiro mantendo diversas xuntanzas con profesionais do sector, provedores de servizos, turoperadores e axencias minoristas co obxectivo de dar a coñecer a nova identidade, promover e comunicar os produtos turísticos do destino e para coñecer e intercambiar información sobre servizos e produtos de potencial interese para o xeodestino. Tamén participará nun acto da Secretaría de Estado de Turismo para recibir un diploma de recoñecemento pola implicación e labor feita desde a Mancomunidade no marco da integración da Mariña no Sistema Integral de Calidade Turística (SICTED).

As persoas que acudan a Fitur 2024 poderán atopar no stand de Galicia, información turística sobre A Mariña, cunha nova edición do mapa-folleto e postais que trasladan xa a nosa nova imaxe de marca territorio, aglutinadora dos Concellos que conforman A Mariña.

Exit mobile version