A Mariña, 10 de xaneiro de 2024. O próximo luns, 15 de xaneiro, ás 12 horas terá lugar no Auditorio Pascual Veiga en Mondoñedo a presentación da nova marca turística e de territorio da Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense. Trátade dun dos eventos máis relevantes que organiza esta entidade ata o de agora. Nesa xornada tamén se entregarán as 29 distincións de calidade do Sistema Integral de Calidade Turtística en Destino (SICTED).
A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense organiza o próximo luns, 15 de xaneiro, ás 12:00 do mediodía no auditorio Pascual Veiga en Mondoñedo, un evento que terá como obxectivo principal ser a punta de lanza da activación dunha nova marca turística e de territorio do xeodestino, unha marca forte que permita posicionar A Mariña como un destino e territorio de referencia, e que nace no contexto de implementación do vixente Plan de Sostibilidade Turística na Mariña 2022 – 2024 cofinanciado pola Mancomunidade de Concellos – co apoio da Deputación de Lugo-, a Xunta de Galicia e a SETUR.
Desde a Mancomunidade a súa presidenta, Rocío López, explica que “a elaboración desta nova identidade turística e de territorio é un dos obxectivos prioritarios da estratexia e plan operativo de marketing turístico da Mariña, nos que a Mancomunidade leva traballando xa fai uns meses da man dos diferentes axentes do territorio. Trátase dun documento que recolle a definición do modelo turístico e obxectivos estratéxicos do destino, que propón unha estratexia de mercados e posicionamento -identificando claramente aos públicos obxectivo- e aporta unha folla de ruta das accións de comunicación e promoción dos próximos anos”.
E sinala: “neste contexto, emerxe a proposta de renovación da identidade turística e de territorio da Mariña a través dun relato propio, atractivo, inclusivo e plural, capaz de conectar os atractivos e valores do destino”.
López indica que “unha vez presentada, a marca será o argumento principal da comunicación do destino e pouco a pouco comezará a estar presente en diversos soportes e campañas de promoción, terá tamén unha cita ineludible en FITUR 2024, e será potenciada a través de diversas actuacións abrindo camiños polo de agora inexplorados e acordes co potencial turístico e de territorio da Mariña”.
O acto do 15 de xaneiro contará coa participación da presidenta da Mancomunidade, Rocío López, e de Ana Ermida, vicepresidenta da entidade, e con representación da Deputación de Lugo, da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado, entidades que axudan a financiar o Plan de Sostibilidade Turística na Mariña Lucense.
No evento farase un repaso dos proxectos planificados e executados grazas a este Plan, e tamén serán protagonistas do evento os vintenove establecementos e servizos turísticos do xeodestino que obtiveron a distinción SICTED na última Mesa de Calidade e que recibirán un diploma que acredita a súa implicación pola mellora continua da calidade.
Ao acto de presentación, que será aberto a todas as persoas interesadas, están convidados representantes dos concellos da Mancomunidade, do sector público e privado de Lugo e de Galicia, axentes do sector privado da Mariña participantes nos proxectos motivados pola entidade de xestión, como Turismo Slow Norte de Galicia, Rutas de Artesanía, A Mariña en Ruta, Plan operacional de turismo deportivo e de natureza, Plan de turismo gastronómico así como outros diversos axentes e colaboradores.
Para asistir a este acto dende a Mancomunidade de Concellos agradecen confirmación no correo electrónico turismo@amarinalucense.gal.