A multitudinaria cita gastronómica, que cumpre 27 anos, foi presentada hoxe no Pazo de San Marcos pola Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e o Alcalde fonsagradino e Deputado de Medio Ambiente, Carlos López
Lugo, 31 de xaneiro de 2024. A Deputación de Lugo acolleu este mércores a presentación da XXVII edición da Feira do Butelo da Fonsagrada. Unha cita gastronómica– que se celebrará os días 3 e 4 de febreiro neste concello da Montaña lucense- e que conta cunha achega da institución provincial de 20.000 euros. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o Alcalde fonsagradino e Deputado de Medio Ambiente, Carlos López, presentaron esta nova edición da feira no Pazo de San Marcos.
“O butelo é o verdadeiro rei da Montaña”, sinalaba García Porto citando ao humorista Forges, explicando que este produto exemplifica o mellor da tradición culinaria da provincia, porque é o resultado do esforzo conxunto dos gandeiros, as empresas cárnicas, os distribuidores e a hostalería. Destacou tamén a Deputada a importancia de que esta cita conte coa certificación de Interese Turístico de Galicia e polo que supón ao recoñecemento do traballo do tecido produtivo da provincia: “eles son os que verdadeiramente manteñen a actividade económica no rural e aportan unha importante porcentaxe ao PIB da provincia, ademais de asentar poboación coa súa actividade”.
Pilar García Porto resaltou a importancia da gastronomía na provincia de Lugo e o seu eco na oferta turística do territorio pola “autenticidade e a calidade dos nosos sabores”. Nese sentido lembrou a campaña da institución provincial deste ano en FITUR, a maior feira de turismo de España, Saborea la provincia de Lugo.
Butelo de Ouro
A XXVII Feira do Butelo recoñecerá o traballo aos 27 produtores e empresas que comezaron a comercializar o embutido. O Alcalde informou que se trata da Carnicería Silmer, Xosé do Cámping, Facenda Farruquiño, Embutidos Riopedre Méndez, Tita de Vilarello, Embutidos Buenavista, Cárnicas Castelao S.L, e Belén da carnicería Día.
As persoas que se acheguen a esta feira multitudinaria poderán visitar algún dos máis de 70 postos de artesanía e gastronomía, onde se poderán catar produtos como o butelo ou o mel, así como catro postos das industrias cárnicas locais.