“A Sanidade está no peor momento da etapa democrática en Galicia, nunca tan mal estivo”, subliñou o Presidente, que recordou que hai 900 profesionais menos que co Goberno de Touriño e apuntou á responsabilidade da mala xestión do Executivo galego
“A sanidade está no peor momento da etapa democrática en Galicia, nunca tan mal estivo”, valorou o Presidente, José Tomé Roca, que sinalou que na etapa de Touriño a atención primaria era no mesmo día e que hoxe a espera mínima para ter cita é de tres semanas, o que deriva na sobrecarga das urxencias. E nese sentido recordou o mandatario provincial que hai 900 profesionais menos que no 2009 na sanidade pública galega e apuntou á responsabilidade da mala xestión do Executivo galego, quen non convoca prazas e precarizou as condicións laborais dos profesionais.
Durante a sesión provincial, a Voceira socialista e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, sinalou que “o vindeiro domingo, 4 de febreiro, a sociedade galega volverá saír á rúa de xeito masivo para defender a sanidade pública, o dereito dos galegos e galegas a unha atención sanitaria universal e a dignidade nas condicións laborais dos profesionais do sector”.
Explicou García Porto que “no caso dos lucenses achegaremos ademais a nosa demanda de que se reverta o desmantelamento da sanidade no rural, que está a xerar unha fenda entre cidadáns de primeira e de segunda”, engadiu.
Puxo cifras ao desmantelamento da sanidade, asegurando que Galicia ten hoxe 900 profesionais sanitarios menos, 900 camas hospitalarias menos e inviste 130M€ menos en sanidade que en tempos do Goberno de Touriño. Tamén destacou que hai uns 1.500 profesionais ás portas da xubilación en Galicia, como os 289 médicos que cumpriron 65 anos na provincia de Lugo entre 2018 e 2022 sen que o Sergas tomase medidas para repoñer os cadros de persoal.
Lamentou que da recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS), de que o 25% do gasto sanitario se destine á Atención Primaria, en Galicia cae ata o 14%. “Os nosos veciños e veciñas esperan de media entre 15 e 25 días para ser atendidos polo seu médico de cabeceira”, e lembrou aos 11.000 nenos e nenas que non teñen pediatra en Galicia, 46.000 persoas esperando por unha intervención sanitaria e outras 120.000 que agardan por unha proba diagnóstica.
Outras demandas que a Deputación fará chegar á Xunta en materia sanitaria é a necesidade de poñer en marcha un plan de choque en Atención Primaria que garanta a cita no médico de cabeceira nun prazo non superior ás 48 horas; medidas para recuperar os cadros de persoal e a reapertura de todos os centros; un plan de captación de médicos de especialidades como Pediatría, “cun déficit crónico en toda a provincia”; incluír a Saúde Mental na Atención Primaria; reducir as listas de espera; e tamén un plan de melloras nos modelos de contratación que remate coa precariedade actual.