Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación colabora co Concello de Ribeira de Piquín para rehabilitar a vella escola do Chao de Pousadoiro

O Presidente, José Tomé Roca, e o Alcalde, Roberto Fernández Rico, asinaron un acordo polo que a institución provincial aporta 83.000€ ao Concello, o que lle permitirá ampliar o uso social e veciñal do inmoble, darlle unha nova imaxe ao exterior, e mellorar a súa eficiencia enerxética e accesibilidade

Lugo, 9 de xaneiro de 2024. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o Alcalde de Ribeira de Piquín, Roberto Fernández Rico, veñen de asinar un convenio de colaboración entre ambas administracións polo que a institución provincial aporta 83.000€ ao Concello, o que lle permitirá rehabilitar a vella escola de titularidade municipal, situada no núcleo do Chao de Pousadoiro, co fin de ampliar o uso social e veciñal deste inmoble.

José Tomé asegurou que con esta colaboración económica “reafirmamos o compromiso de cooperación cos concellos que mantemos dende esta institución provincial, dando resposta ás súas demandas para que poidan ofrecer máis e mellores servizos e infraestruturas públicas aos seus veciños e veciñas, independentemente do lugar no que vivan, contribuíndo así a fixar poboación no rural da provincia”.

As obras que levará a cabo o Concello coa aportación da Deputación consistirán na rehabilitación integral do exterior da antiga escola para cumprir con varios fins: mellorar a imaxe do inmoble, mellorar a eficiencia enerxética das instalacións e acondicionar o acceso principal do edifico. En concreto, o proxecto contempla o revestimento das catro fachadas, a urbanización do acceso á parcela pola súa parte norte, e a substitución das carpinterías, e das portas e ventás por unhas de aluminio color natural con illamento dobre, na cara principal e traseira do inmoble. Os traballos teñen un prazo de execución de dous meses desde o seu inicio.

Con esta actuación, destacou o Alcalde, “damos un paso máis no conxunto de melloras que estamos a levar a cabo dende o Concello de Ribeira de Piquín, tanto na dotación de equipamentos como de espazos públicos, creando contornos máis atractivos, accesibles, seguros e cómodos para vivir, e cos que estamos a mellorar o do día a día dos veciños e veciñas”.

Neste sentido, referiuse o rexedor á creación no antigo CEIP Aníbal Otero do Centro de Día que está a dar servizo a 24 persoas e que contou coa colaboración da Deputación para a súa posto en marcha. Un centro no que ademais o Concello ten previsto habilitar na segunda planta unha residencia de maiores con capacidade para 24 persoas. Completarán as melloras nesta contorna pública as obras de humanización e a creación dunha praza pública que conectará ambos edificios do Centro de Día e a escola vella.

Actualmente, a vella escola aglutina diversas entidades sociais locais e a oficina de Correos. Con estas melloras, o obxectivo é ampliar o uso social e veciñal das instalacións como edificio administrativo, así como trasladar para a sede o centro de asesoramento e experimentación da Fundación TerrEO.

Exit mobile version