As solicitudes, que estarán dispoñibles no BOP onde saen publicadas as bases ou na páxina web da Deputación, poden presentarse en calquera rexistro oficial ou na sede electrónica da institución
A institución provincial favorece o benestar social e, ao mesmo tempo, promove o turismo termal con esta iniciativa, á que destina 91.000€ nesta edición, case un 30% máis que en convocatorias anteriores.
Está dirixido as persoas maiores de 50 anos, que poderán acudir a estes establecementos cun acompañante que tamén terá a oportunidade de desfrutar dos descontos aínda sen ter a idade. Os requisitos que deben cumprir os solicitantes son: estar empadroados en calquera concello da provincia, valerse por si mesmos para as actividades da vida diaria, á excepción de fillos que acudan en calidade de acompañantes, non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar á normal actividade e convivencia nos establecementos, ou ter algunha contraindicación médica para recibir os tratamentos termais.
As persoas interesadas teñen de prazo ata o vindeiro 30 de xuño para solicitar os descontos ou ata que se esgoten as prazas. Poden atopar o formulario de inscrición no Boletín Oficial da Provincia deste luns 15 de xaneiro, onde saen publicadas as bases do programa, ou ben a través da sede electrónica na páxina web da Deputación https://sede.deputacionlugo.org/opencms/opencms/sede. O documento deberá presentarse xunto coa fotocopia do DNI en calquera rexistro oficial ou a través da sede electrónica da institución provincial.
Lugo Termal ofrece un total de 1.300 prazas (825 con estancia e 515, sen estancia) e, como en anos anteriores, haberá diferentes técnicas e tratamentos a disposición das persoas usuarias.
Modalidades
A modalidade con estancia contempla seis días e cinco noites en pensión. O prezo é de 350,54€, dos cales a Deputación sufragará 110,55€. Inclúe servizo de cea e aloxamento o día de entrada, que será sempre os domingos, e tamén conta con servizo de almorzo e xantar o día de saída, podéndose alternar por servizo de xantar e cea o día de entrada e almorzo o día de saída, acordando previamente co balneario. Será en habitacións de uso compartido (os usuarios que soliciten unha individual, se o balneario ten dispoñibilidade, aboarán a diferenza correspondente aos prezos establecidos). Aplicaranse un mínimo de 15 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconselle, e haberá un programa de animación sociocultural de luns a xoves.
A modalidade sen estancia contempla dez días (de luns a venres) e o prezo a pagar polos usuarios e usuarias é de 250 euros. Inclúe 30 técnicas termais como mínimo, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconselle.