Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleria socialista de Xove, Rogelia Mariña, mantivo unha reunión co Presidente da Deputación para trasladarlle a situación na que se atopan as estradas provinciais no termo municipal

Xove, 29 de xaneiro, 2024. “Como veciños de Xove, e como partido socialista tamén, somos conscientes do mal estado das estradas propiedade da Deputación no noso concello e do seu deterioro. Un dos motivos para presentarnos ás eleccións foi este, intentar arranxar o seu estado, e foi a nosa meta dende que a nosa representante tomou posesión como concelleira, xa que escoitamos aos veciños e sabemos o problema que isto supón”.

“Dito isto, queremos compartir que a nosa concelleira, Rogelia Mariña, acompañada de dous membros da candidatura, mantiveron unha reunión de traballo co Presidente da Deputación, José Tomé, para trasladarlle a situación na que se atopan as estradas de Xove propiedade deste órgano”.

“Trasladámoslle o pésimo estado, xa que fai moitos anos que pouco ou nada se fixo en mellorar estas vías de comunicación vitais, xa que comunican a capitalidade coas parroquias da Rigueira e Penas Agudas, con Lago e Morás, co Cruceiro e Vilachá e Portocelo, un total de máis de 40 km que actualmente están intransitables”.

“Por todo isto propuxemos a Tomé retomar ese convenio onde a Deputación pon o 50% do custo e o concello o outro 50%, aínda que supón unha cantidade importante, pedímoslle ese esforzo para facer un acondicionamento que perdurara nos próximos 50 anos e en beneficio da zona rural. Si queremos que non perda poboación hai que poñer servizos, e éste é un dos máis importantes”.

“Despois dun intercambio de opinións, de información, Tomé aceptou poñer en marcha este convenio, sempre que o concello acepte o acordo”.

“Por iso desde o grupo socialista trasladamos tamén esta proposta ao Alcalde de Xove, o sr Salgueiro, que en principio estivo en acordo en cumprir coa parte que lle corresponde do concello, e era unha boa nova para todos e todas. Actualmente, o partido socialista de Xove considera moi positiva esta xestión, e estamos á espera de que a Deputación redacte o acordo e faga os proxectos necesarios coa súa correspondente valoración técnica e económica”.

A máis tardar, quedaría asinado en primavera polo alcalde e polo presidente da Deputación. Con isto poñerase fin a un problema que leva anos enquistado e que todos os veciños sufrimos a cotío.

“Parécenos que a forma de proceder do PP de Xove é unha falta de respecto ao acordo, e unha falta de palabra do alcalde, Demetrio Salgeuiro. Con esta actuación de carretar xente para manifestarse en Lugo, sabendo que hai un preacordo, é un intento de romper o aprobado”.

“O interese por arranxar as estradas en etapa electoral dilúese e os intereses dos veciños pasan a ser secundarios, cando o único obxectivo desta acción é facer ruído en precampaña, apañar algún “votiño” e igual buscar un posto no futuro goberno da Xunta, importándolle pouco ou nada o pobo de Xove. Dende o partido socialista, animámolo a que tamén pode poñer outro autobús para ir o dia 4 de febreiro a Santiago, á manifestarse por unha sanidade pública e de calidade. Mais igual iso xa non interesa tanto?”.

Exit mobile version