“O obxectivo é que a autoxestión da materia orgánica se erixa como unha práctica habitual en Viveiro, tendo en conta as súas incuestionables vantaxes ambientais, económicas e sociais”, explica Míriam Bermúdez, tenente de alcaldesa e responsable da área de Medio Ambiente.
Os veciños e veciñas que residan nunha vivenda illada que conte cunha parcela ou horta dun mínimo de 25 m2 poden solicitalo, ben chamando ao teléfono do Concello 982 560 128 ou ben a través do código QR que se habilitou para facer o trámite online (cartel adxunto).
O composteiro que se entregará, cunha capacidade para 400 litros, debe situarse no exterior da vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, preferiblemente baixo unha árbore de folla caduca e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada dos microorganismos descompoñedores.
Trátase, en definitiva, de recuperar e potenciar en Viveiro unha tradición asentada no rural galego, tal e como é a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost, pero dunha forma máis óptima, hixiénica, cómoda e eficiente.