Foron varios os particulares que chamaron ao 112 poucos minutos antes das catro horas da tarde de hoxe para dar conta dos feitos. Os alertadores coincidían en relatar que ao menos unha persoa parecía ter dificultade de abandonar un turismo que sufrira un accidente cando circulaba pola parroquia de Suegos, no concello lucense de O Vicedo.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias puxeron a situación en coñecemento dos servizos sanitarios de urxencia, que comunicaron a mobilización dunha das súas aeronaves ata o lugar dos feitos. Ademais, pasouse aviso aos Bombeiros de O Vicedo, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos membros de Protección Civil da localidade e tamén ao persoal do servizo de mantemento das estradas.