O Vicedo, 5 decembro, 2023. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia polos equipos de intervención, dúas persoas resultaron feridas como consecuencia dunha saída de vía na LU-862. Un dos feridos tivo que ser excarcerado polos Bombeiros de Viveiro e, unha vez liberado, foi trasladado a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago ao Hospital Universitario de A Coruña. O outro implicado puido saír polos seus propios medios, e foi atendido no punto polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que o seu estado parecía non revestir gravidade.
Foron varios os particulares que chamaron ao 112 poucos minutos antes das catro horas da tarde de hoxe para dar conta dos feitos. Os alertadores coincidían en relatar que ao menos unha persoa parecía ter dificultade de abandonar un turismo que sufrira un accidente cando circulaba pola parroquia de Suegos, no concello lucense de O Vicedo.
De inmediato, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias puxeron a situación en coñecemento dos servizos sanitarios de urxencia, que comunicaron a mobilización dunha das súas aeronaves ata o lugar dos feitos. Ademais, pasouse aviso aos Bombeiros de O Vicedo, aos axentes da Garda Civil de Tráfico, aos membros de Protección Civil da localidade e tamén ao persoal do servizo de mantemento das estradas.