Site icon Crónica3.com A Mariña

“Un tren para ningures”, por Emilio González Legaspi

Aquí o tren chegou tarde, mal e arrastro. A liña de ferrocarril para unir Xixón con Ferrol inaugurouse no ano 1972, aínda que algúns tramos empezaron a funcionar algúns anos antes. Lembro perfectamente como a mediados dos sesenta, os traballos de colocación das travesas, raís e grava pasou moi ao pé do colexio dos Castros en Burela. Mentres duraron as obras o noso divertimento era ir mirar como traballaban os obreiros e como aquel camiño de ferro ía enchendo e quitándonos un espazo que durante anos servira para irmos a pé dun lado a outro do pobo. O espazo da estación tamén foi ocupado por casas para os empregados de FEVE, polo edificio da estación e tamén outros para talleres e mantemento. E así acabouse o lugar que durante moitos anos servira para facer as festas de San Xoán e para xogar ao fútbol

Eu téñolle moito cariño ao tren de FEVE e gardo del moitas lembranzas e aventuras de mozos vividas durante as horas de ida e volta a Ribadeo para estudar o bacharelato, sen ter que desprazarnos a Lugo e pagar colexio, cousa que familias coma miña e moitas máis da Mariña non podiamos facer naquel tempos. Supuxo un adianto moi importante para a formación académica e laboral dos mariñáns.

Lembrarán, tamén, con nostalxia estes convois os que fixeron o servizo militar en Ferrol e podían ir e vir de permiso todos os fins de semana e volver para incorporarse ao cuartel sen problemas. E os mozos que buscaban festa nas discotecas en Viveiro, Ribadeo, Burela ou Foz e no verán para desprazarse ás verbenas de todas as parroquias que cadraban á veira das vías de ferro.

Acordaranse del a xente do campo, sobre todo as mulleres, que o collían os seus produtos da horta para ir vendelos aos mercados, sobre todo de Viveiro e Ribadeo. Daquela o tren tiña a súa función de servizo social e tiña destinos e lugares aos que un bo número de xente podía desprazarse de xeito eficaz e barato. O coche particular era cousa duns poucos ricos.

Pero os tempos foron cambiando. Todo muda. Mellorou a capacidade económica e promoveuse a compra de coches particulares. A xente empezou a desprazarse libremente por toda a Mariña, sen sometemento a horarios e segundo as necesidades. E o tren foi esmorecendo.

Agora non hai mozos que vaian facer o servizo militar a Ferrol. Non hai estudantes que teñan que desprazarse do seu pobo. Non hai obreiros que necesiten este transporte para acudiren aos seu traballos. Non hai labregas que teñan que ir vender os seus produtos aos mercados. Non hai mariñeiros que teñan que vir aos portos coller os barcos para saír de marea. Non chega a ningún lugar de interese. Este tren non serve para desprazarse a un aeroporto nin tampouco a coller outro tren nun tempo lóxico, e diante esta situación calquera opta polo transporte particular ou polo taxi.

Nun intento de manterse en coidados paliativos, está funcionando con servizos mínimos a perdas que pagamos entre todos por nostalxia máis que por necesidade. Entre Ribadeo e Ferrol só hai dous servizos de tarde que saen de cada extremo máis ou menos á mesma hora, un sobre as 15 horas e outro sobre as 18,30. Non é un tren de ida e volta, senón de volver cando se poida. Pouca xente o utiliza, só algún viaxeiro con moita necesidade e poucos medios económicos, é dicir os máis pobres. No verán poderiamos a topar esperando polo tren na estación algúns turistas despistados ou aventureiros. Por riba cada pouco tempo aparecen novas dos seus problemas. Que se tivo un fallo mecánico, que se lle caeu unha arbore na vía, que se tivo un descarrilamento. Por sorte non hai feridos nen desgrazas persoais porque moitas veces vai só o condutor na maior parte dos traxectos.

É un tren sen pasaxeiros a ningures. Agonizando.

Exit mobile version