Site icon Crónica3.com A Mariña

Un grupo de alumnos e alumnas do IES Ribadeo Dionisio Gamallo participa da Xeoruta dos Pregues e dos Arcos

Ribadeo, 14 de decembro, 2023. Recentemente, un grupo de alumnos e alumnas do IES Ribadeo Dionisio Gamallo participou nuha Xeoruta financiada polo Concello de Ribadeo. O obxectivo era coñecer e valorar o patrimonio xeolóxico, concretamente, a zona de Piñeira e As Catedrais. Para iso estiveron acompañados polo doutor en xeoloxía Francisco Canosa, e polas profesoras Mónica Fiallega, Miriam Bouso e Susi Besteiro dos departamentos de xeografía e bioloxía.

O percorrido comezou por Piñeira, onde tras observar un mapa cos principais dominios xeolóxicos galegos, o alumnado aprendeu a diferenciar as dúas rochas predominantes na zona. Trátase de cuarcitas e lousas cámbricas, de 500 millóns de anos de antigüidade, que aínda que a simple vista poden parecer iguais ó tocalas ou fixarse, nótase que non. As cuarcitas son moito máis ásperas e duras cás lousas e iso provoca unha forte erosión diferencial que permite diferencialas ata dende lonxe xa que os estratos en resalte son cuarcíticos e os máis erosionados son lousas. Ademais, están intensamente deformadas polo que se observan numerosos anticlinais, sinclinais, pregues en M e ata fallas de rumbo.

A continuación, na praia das Catedrais, o obxectivo era descubrir as distintas etapas polas que pasa o cantil ata formarse os famosos arcos. O alumnado puido observar como a partir de pequenas covas modeladas a favor dunha fractura, o mar foi modelando túneis rochosos, a continuación nos puntos de intersección das fallas formáronse “ollos” e finalmente os arcos, que representan a fase máis evolucionada.

Foron 3 interesantes horas de xeoloxía de campo, con algún chubasco polo medio que non impediu disfrutar e aprender moitas cousas novas. Finalmente, rematamos cunha reflexión sobre os perigos do turismo masivo e a necesidade de controlar os accesos á praia e á parte alta do cantil por ser a zona máis vulnerable.

Polo tanto, dende o IES Ribadeo Dionisio Gamallo, queremos agradécelle ó Concello de Ribadeo e a Fran Canosa a súa colaboración para poder facer esta actividade e agardamos que sirva para que o alumnado sexa quen de valorar e divulgar o noso patrimonio xeolóxico.

Exit mobile version