Valéndose do ámbito audiovisual, a iniciativa busca remover a sensibilidade dos mariñáns, a expresión dos seus sentimentos e sensacións sobre A Mariña a través da fotografía.
Nesta edición, coma nas anteriores, estarán dispoñibles dúas categorías. A de Estudantes terá aberta a participación de nove centros educativos de Secundaria da bisbarra comarca mariñá: IES Alfoz-O Valadouro, IES Marqués de Sargadelos, IES Perdouro, IES Monte Castelo, IES María Sarmiento, IES Vilar Ponte, IES Dionisio Gamallo, IES Illa de Sarón e IES de Foz. Na categoría de Asociacións participarán ASPANANE, Fundación Eu Son, Asociación Saúde Mental A Mariña e Asociación Camiña.
Cada categoría contará cun premio, un vale por 150€ para gastar en material fotográfico ou informático en Informática Lindín.
Obradoiros con Héctor Manasé
O burelao Héctor Manasé, que xa compartiu a súa experiencia co festival noutras ocasións, realizará os obradoiros de 2023. A primeira parada do polifacético artista será no IES Monte Castelo, centro recoñecido en 2022 coa fotografía gañadora e unha das finalistas, para mergullar ao estudantado no seu mundo profesional, entre a fotografía, a ilustración e a tatuaxe.
David Mon e Sabela Blanco completan o xurado
Xunto a Héctor Manasé e o presidente de Imdecum, Marcelino Luna, a 13ª edición do concurso contará tamén co criterio do burelao David Mon, director de Kaito Estudios SL, e da fotógrafa cervense Sabela Blanco, colaboradora habitual do certame.
O prazo límite para recepción das imaxes do concurso será o sábado 30 de decembro (ata as 00.00 horas).
Edición 2022
Cunha resposta extraordinaria que mellora edición tras edición, en 2022 presentáronse un total de 67 imaxes das que 52 se corresponderon á categoría de Estudantes e 15 á de Asociacións. Entre elas, o xurado seleccionou 3 finalistas de cada categoría. Na primeira, destacaron as fotografías de Tania Verdes Chao, de 4º ESO do IES Alfoz-O Valadouro, e de Nerea Fernández Pazos, de 1º de Bacharelato do IES Monte Castelo; a imaxe gañadora do foi un paxaro en branco e negro de Jorge Fanego López, de 2º de Bacharelato do do mesmo centro burelao. Na categoría de Asociacións recibiron o recoñecemento a Fundación Eu Son e ASPANANE; a Asociación Saúde Mental A Mariña foi a premiada co primeiro posto. A visión dos artistas mariñáns Mateo Guerreiro, David Catá, Xaime Miranda e Sabela Blanco foi a encargada da resolución.