Site icon Crónica3.com A Mariña

Últimas accións na rúa do Observatorio da Mariña pola Igualdade

A Mariña, 5 de decembro, 2023. O pasado sábado 25 de novembro de 2023 o Observatorio da Mariña pola Igualdade convocou unha concentración en Ribadeo, na Praza 8 de Marzo, co fin de reivindicar a erradicación de calquera forma de violencia exercida sobre as mulleres.

O 25N é o día da conmemoración da loita e do legado das irmás Mirabal, “As bolboretas”. Elas e o seu feminicidio non deben caer no esquecemento: Patria, Minerva e Mª Teresa Mirabal. Nin elas, nin as súas voces ao dicir: “Se me matan sacarei os brazos da tumba e serei máis forte”.

O domingo 3 de decembro tivemos que sair de novo á rúa en sinal de repulsa por esta violencia machista que nos afoga. Na mesma Praza 8 de Marzo, volvíamos a estar un grupo de persoas para darlle voz a quen xa non pode berrar.

Unha nova muller asasinada. Unha nova vítima. Un novo crime de poder.

Encarnación Regueiro Rodriguez, de 80 anos, foi asasinada no seu domicilio polo seu cónxuxe Manuel Barbeira Corneiro de 88 anos. Él partiu o seu corpo dependente e invalidado polo párkinson.

E o noso berro foi tamén por Judith, asasinada no Porriño o pasado 24 de novembro. O seu feminicidio, foi xustificado polo patriarcado por ser prostituta, toxicómana e compartir vivenda co seu maltratador.

Dende o Observatorio da Mariña pola Igualdade seguiremos denunciando que os asasinatos de mulleres poñen de manifesto a cúspide da pirámide das violencias machistas.

Seguiremos loitando día a día , saíndo as rúas, manifestádonos e concentrándonos en sinal de protesta e berrando cada vez máis forte polo dereito a vivir en liberdade, porque o silencio é o gran cómplice do patriarcado.

Exit mobile version